O Obradoiro Inicia VIII está destinado a mozas e mozos menores de 30 anos, e se realizará en colaboración cos concellos de Ares, Mugardos e Cabanas.
O Concello de Fene acollerá no outono un obradoiro de emprego na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial
Ao remate do programa, as persoas participantes recibirán un certificado de profesionalidade que os capacitará para seguir traballando en diversos postos.
05-08-2024
O Concello de Fene impartirá, a partir de outubro, o Obradoiro de Emprego INICIA VIII. Trátase dun programa mixto de formación e aprendizaxe cunha duración dun ano, que organiza o propio Concello de Fene en colaboración cos de Ares, Mugardos e Cabanas, e que está subvencionado pola Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración.
O INICIA VIII está destinado a 16 mozas e mozos empadroados nalgún dos catro concellos participantes e que estean rexistrados no programa de garantía xuvenil. Ofrecerá a especialidade formativa ocupacional de Fabricación e Montaxe de Instalacións de Tubaxe Industrial”, curso de nivel 2 que require estudos da ESO ou equivalente. Tamén é requisito para poder acceder a este programa ser maior de 18 anos.
Desde o inicio da súa participación no Obradoiro, o alumnado – traballador será contratado baixo a modalidade de contrato para a formación e a aprendizaxe, o que lles permitirá percibir unha retribución de equivalente ao salario mínimo interprofesional.
A concelleira de emprego e formación, Cristina García, manifestou que este obradoiro “brindará á mocidade de Fene e do resto de concellos unha oportunidade de formación e emprego, mellorando as súas habilidades e perspectivas laborais”. García tamén destacou que ao remate da formación o alumnado “estará capacitado para continuar traballando en postos de caldeiraría/tubaxes, tubaxes industriais e tubaxes navais, que teñen altas taxas de inserción na nosa comarca”.
Participación no programa
Para poder participar no proceso selectivo, as persoas interesadas deben estar inscritas tanto no Programa de Garantía Xuvenil como no Servizo Público de Emprego, que será a entidade encargada de realizar a preselección de persoas candidatas.
O rexistro no Programa de Garantía Xuvenil pode facerse a través da web do SEPE, e require estar empadroado nun concello do territorio estatal; ter máis de 16 e menos de 30 anos no momento de inscrición no Programa; non estar realizando accións formativas nin educativas; non ter traballado no día natural anterior á data da presentación da solicitude; e presentar unha declaración expresa de ter interese de participar no Programa de Garantía Xuvenil, adquirindo un compromiso de participación activa nas actuacións que se desenvolvan ao marco deste programa.
A Área de Formación e Emprego “Pancho Allegue” ponse a disposición da veciñanza para aclarar calquera dúbida ou ofrecer máis información, a través do teléfono 981 492 767, no correo electrónico orientacion.laboral@fene.gal ou de maneira presencial na Praza do Alcalde Ramón José Souto González s/n.
Financiación do INICIA VIII
O Obradoiro INICIA VIII Está subvencionado pola Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración, e cofinanciado pola Unión Europea e o SEPE a través do Programa Operativo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) Galicia 2021 – 2027.