O Parque da Hortiña de Limodre acolle unha nova edición do Felicia Pop, que conta cunha programación de dez bandas nacionais e internacionais.
O Concello de Fene reforza o seu apoio ao Festival Felicia Pop que se celebra esta fin de semana
As concelleiras Sandra Permuy e Justo Ardá supervisaron esta mañá a montaxe xunto co director artístico, destacando a importancia do evento para a dinamización cultural e social de Fene
09-08-2024
Esta mañá a concelleira de Servizos de Fene, Sandra Permuy, e o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, visitaron o Parque da Hortiña de Limodre para supervisar os traballos de montaxe do Festival Felicia Pop, que terá lugar hoxe venres e mañá sábado.
Un evento no que o Concello de Fene participa activamente, achegando unha subvención nominativa de 11.000 euros e cubrindo diversas necesidades operativas a través da área de Servizos, especialmente no relativo a limpeza e seguridade. Ademais, o Concello financia a participación do grupo Ataque Escampe, que actuará na sesión vermú do sábado ás 13.30h con entrada de balde.
O concelleiro de Cultura, Justo Ardá, destacou a importancia que o festival ten para Fene. “O Felicia Pop é unha oportunidade para que o noso concello sexa un referente cultural na nosa comarca”, salientou Ardá, quen tamén quixo remarcar “o compromiso do Concello de Fene para apoiar e promove iniciativas que dinamizan a vida cultural da nosa veciñanza e atraen visitantes de toda a xeografía galega”.
Pola súa banda, a concelleira de Servizos, Sandra Permuy, fixo fincapé no reforzo na área que dirixe “para que todas as asistentes poidan gozar do Felicia Pop nun entorno seguro”, e destacou que durante toda a semana o persoal municipal estivo a colaborar coa organización do festival. “Colocáronse valados de seguridade, colectores de lixo, instalacións eléctricas e de auga, e tamén se levarán a cabo labores extraordinarias de limpeza na fin de semana”, concluíu Permuy.
Programación do Felicia Pop 2024
A programación do Felicia Pop 2024 inclúe actuacións de recoñecidas bandas nacionais e internacionais. Así o destacou esta mañá o director artístico do festival, César Alonso, no encontro coas concelleiras. “Na edición deste ano contamos con dous grupos holandeses, un inglés, e tamén varios grupos que cantan en galego”. Alonso tivo tamén palabras de agradecemento para o Concello de Fene “sen cuxa colaboración e implicación non sería posíbel celebrar o evento”.
O festival iníciase este venres con máis de 400 entradas distribuídas na prevenda e coas actuacións de Helen & Shanna ás 21:10h; Thee Blind Crows ás 22:10h; Boston Babies ás 23:20h; Fruit Tones ás 00:30h e Doctor Explosion ás 02:10h. Mañá sábado, o escenario tomarao Lorre ás 21:10h; Meu ás 22:10h; Fleur ás 23:20h; La Perra Blanco ás 00:35h e The Tambles ás 02:05h.
Tras un período de venta anticipada na Internet, as entradas ao Felicia Pop poderán adquirirse no despacho de billetes do festival. O abono dos dous días ten un prezo de 30 €, mentres que as entradas por día custan 20 €.