Un total de 22 establecementos de Fene ofrecerán descontos nos seus produtos
O Concello de Fene organiza un Outlet esta fin de semana para dinamizar o comercio local
O pasarrúas da “Charanga da Carmiña” e o concerto de “Malditos Pendejos” animarán o evento
02-09-2024
Esta fin de semana, entre os días 6 e 8 de setembro, o Concello de Fene celebra unha nova edición do Outlet Fene, que ten por obxectivo dinamizar o comercio local e ofrecer á veciñanza produtos de calidade a prezos reducidos. O evento, organizado pola área de promoción económica que dirixe Ángeles Coira, contará coa participación de 22 establecementos do municipio.
O horario do Outlet será de 10 a 14h e de 17 a 20h o venres e o sábado, mentres que o domingo desenvolverase entre as 10.30 e as 13h. Durante estas xornadas, as persoas que se acheguen poderán atopar unha ampla variedade de produtos nos diferentes establecementos e postos que se distribuirán por toda a zona urbana de Fene.
Para facilitar a participación dos comercios, o Concello habilitará mesas e haimas nos exteriores, para que os establecementos que o solicitaron poidan expoñer os seus produtos. A maiores, co fin de amenizar a experiencia de compra, contarase coa actuación da Charanga da Carmiña, que realizará un pasarrúas tanto o venres como o sábado pola tarde, así como de “Malditos Pendejos”, que ofrecerá un concerto o venres ás 22.15h na cafetaría Arrecendo Galego.
A concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, animou a toda a veciñanza e visitantes a participar nesta iniciativa: “Este Outlet é unha oportunidade perfecta para apoiar o noso comercio local, mercar produtos de calidade a prezos inmellorábeis e gozar dunha fin de semana diferente en Fene. Queremos que as rúas de Fene se enchan de vida e que este evento sexa un éxito para todos”.
Os 22 establecementos participantes estarán distribuídos pola Avenida Marqués de Figueroa, o Cruce de Fene, a Avenida Naturais, a Rúa do Concello, a Rúa da Fraga e a Avenida da Cooperación. Estes son: A Tenda Agasallos, Berline Boutique, Bualá, Calzados Locay, DaMa, El Baúl de Bego, Jomer, Kenia, Koralli Boutique, Lanas Gena, Lencería Loly Calvo, Lualé 114, Más Sport, Mayka Moda, Mercería e Lencería Costuras, Mundo Mayuka, Mi Pachú, Un Pedacito de Mí, ZSR Zapatería, Cáprica Comics y Juegos, e as cafeterías do CCRD de Perlío e Arrecendo Galego.
Así mesmo, desde a Policía Local informan de que, con motivo deste evento, un tramo da Rúa Cañotas estará cortado ao tráfico desde as 17:00 h do xoves ata as 15:00 h do domingo, para facilitar o desenvolvemento do Outlet.
O evento conta co apoio da Deputación da Coruña.