O alcalde, Juventino Trigo, e o concelleiro de obras, Manuel Polo, supervisaron o comezo dos traballos, que se prolongarán durante catro meses
As obras inclúen a renovación de infraestruturas clave como o saneamento e a rede eléctrica
09-09-2024
O Concello de Fene vén de iniciar as obras de reurbanización da rúa Antonia Montero, unha actuación estratéxica que busca mellorar significativamente a calidade de vida da veciñanza e preparar a rúa para o futuro. O proxecto inclúe a renovación completa dos servizos de saneamento, a canalización subterránea da rede eléctrica e de telecomunicacións, e a mellora das beirarrúas e calzada para garantir unha accesibilidade óptima.
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, acompañado polo concelleiro de Obras, Manuel Polo, visitaron o lugar antes de que comezasen os traballos para revisar todos os detalles do proxecto e asegurar que se desenvolva con normalidade. “Esta obra é unha das máis importantes que acometemos este ano, non só pola mellora evidente da rúa, senón tamén pola súa importancia como vía de conexión para a estación de Perlío”, destacou Trigo. O alcalde engadiu que “malia que causará certas molestias temporais, estamos convencidos de que os beneficios serán notábeis para toda a veciñanza”.
Desde o punto de vista técnico, o concelleiro de Obras, Manuel Polo, explicou que “as actuacións inclúen a renovación da rede de saneamento de augas fecais e pluviais, a renovación do pavimento nas beirarrúas co materiais de maior durabilidade, e a modernización da rede de alumeado público. Polo asegurou que “grazas a esta intervención integral garantirase que a rúa Antonia Montero estea preparada para soportar o tráfico rodado e peonil durante moitos anos”.
As actuacións, que se prolongarán por un período de catro meses, afectarán temporalmente ás prazas de aparcadoiro, que se verán reducidas durante a execución das obras. Desde o goberno local pídese comprensión á veciñanza, e aseguran que se están a tomar todas as medidas posíbeis para minimizar as molestias.
Estas obras, que contan cun orzamento de 172.400 euros, están financiadas con cargo ao POS+Adicional 2/2021 1º Fase da Deputación da Coruña.