Fene únese á XVII Limpeza Simultánea de Ríos
A iniciativa conta coa participación de dúas entidades de Fene e outros 55 concellos de toda Galicia e máis de 70 entidades
25-09-2024
Dúas entidades fenesas, AETNA e a Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico Betula, participarán na XVII Limpeza Simultánea de Ríos, que terá lugar este domingo, 29 de setembro. Esta iniciativa de limpeza ambiental, que se desenvolve en 56 concellos de toda Galicia, contará coa colaboración de máis de 70 entidades, entre asociacións, centros de ensino e colectivos ecoloxistas, co obxectivo de preservar os ecosistemas fluviais da nosa comunidade.
A concelleira de medio ambiente de Fene, María del Carmen Martínez, subliñou a importancia desta xornada: “Os nosos ríos son unha parte esencial da paisaxe e do ecosistema local. A Limpeza Simultánea de Ríos é unha oportunidade de unir esforzos e concienciar á poboación sobre a importancia de coidar o noso ambiente”. “Animamos á cidadanía de Fene a participar e contribuír a manter os ríos limpos para as xeracións futuras”, concluíu Martínez.
Esta acción, que no caso de Fene decorrerá no río Baa, está financiada por Augas de Galicia, a Deputación da Coruña e a Confederación Hidrográfica do Miño – Sil, e forma parte dun amplo esforzo para preservar os recursos naturais e fomentar o compromiso ecolóxico entre a poboación.
As persoas interesadas en participar nesta actividade, pódese consultar na páxina web https://limpeza.proxectorios.org/participantes-2024.