Fene e Neda solicitan a ampliación do paseo de San Valentín até O Puntal

Os alcaldes de Fene e Neda reuníronse esta semana co novo xefe da Demarcación de Costas para impulsar o proxecto que mellorará o treito de Fene até O Puntal

Fene e Neda solicitan a ampliación do paseo de San Valentín até O Puntal

A actuación permitirá gañar espazo público para desfrute da veciñanza de ambos concellos e visitantes

O alcalde do Concello de Fene, Juventino Trigo, e o seu homólogo do Concello de Neda, Ángel Alvariño, mantiveron esta semana un encontro co novo xefe da Demarcación de Costas. O obxectivo deste encontro foi buscar o apoio do organismo estatal para materializar o proxecto de ampliación do Paseo Marítimo de San Valentín até o espigón do Puntal.

O treito correspondente ao Concello de Fene, que comeza en Conces, permitirá conectar a actual pasarela de madeira cun novo percorrido peonil duns 400 metros. Unha intervención que completará un percorrido continuo á beira da ría de Ferrol, até as proximidades da Ponte das Pías, e que contaría co financiamento da Demarcación de Costas, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica.

O rexedor fenés, Juventino Trigo, destacou a importancia desta actuación como “un avance na mobilidade sostíbel e unha gran oportunidade de ofrecer un espazo de lecer para a nosa veciñanza”. Tamén aproveitou a xuntanza para solicitar ao xefe da Demarcación as melloras necesarias no tramo fenés do paseo.

O Concello de Fene comprometeuse a seguir traballando en colaboración co Concello de Neda e a Demarcación de Costas para garantir que o proxecto poida avanzar nas mellores condicións posíbeis.