O Concello de Fene acondiciona a canle do Río Cádavo para minimizar os efectos das subas de caudal

Os traballos buscan evitar inundacións mediante a eliminación de lodos e polas de árbores

O Concello de Fene acondiciona a canle do Río Cádavo para minimizar os efectos das subas de caudal

O Concello de Fene tamén está a realizar traballos de poda na Avenida Marqués de Figueroa e na Avenida Naturais cun investimento de arredor de 15.000 €

O Concello de Fene, a través da área de medio ambiente, comezou esta semana os traballos de limpeza do Río Cádavo no seu tramo urbano, desde o entorno do consistorio até Perlío, co obxectivo de minimizar o risco de inundacións. As tarefas, que inclúen a eliminación de polas depositadas na canle do río e lodos, contan cun investimento de aproximadamente 8.000 €. Así mesmo, desde a área de medio ambiente tamén se iniciaron os traballos de poda de árbores na Avenida Naturais e na Marqués de Figueroa, unha actuación que ronda os 15.000 €.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a concelleira de medio ambiente, María del Carmen Martínez, supervisaron esta mañá o inicio destes traballos. O rexedor destacou que esta limpeza “enmárcase dentro dos esforzos do goberno local para previr as consecuencias das fortes choivas”, e lembrou a recente compra e posterior limpeza dunha parcela en Perlío que supuña un dos maiores obstáculos para o paso da auga no río. “Levamos meses traballando en diferentes frontes para minimizar os riscos de inundacións provocadas polas subas do Cádavo e garantir a tranquilidade da nosa veciñanza”, asegurou Trigo.

Pola súa parte, María del Carmen Martínez, subliñou a importancia de manter os espazos verdes coidados. “A poda das árbores non só mellora a estética das nosas avenidas, senón que tamén prevén posíbeis problemas derivados da caída de polas en época de choivas”, explicou a concelleira.