O alcalde de Fene participou na inauguración do Galician Offshore International Hub

Juventino Trigo sinalou que a eólica mariña pode xogar un papel clave na sustentabilidade enerxética, e subliñou a necesidade de impulsar a industria vinculada a esta enerxía renovábel

O alcalde de Fene participou na inauguración do Galician Offshore International Hub

O rexedor fenés referiuse tamén á importancia de protexer sectores estratéxicos para a economía galega, como a pesca e o marisqueo

Imaxe de arquivo

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, participou esta mañá na inauguración da sétima edición do Galician Offshore International Hub, un evento que sitúa á comarca de Ferrolterra como capital da eólica mariña. Durante dous días, profesionais e expertos analizarán o futuro da enerxía eólica mariña, explorarán os seus retos e oportunidades, e coñecerán proxectos desenvolvidos en distintas partes do mundo.

Trigo destacou na súa intervención que “a eólica mariña pode xogar un papel clave na sustentabilidade enerxética” e subliñou que “é necesario comprometerse no desenvolvemento dunha industria e tecnoloxía vinculadas a esta, contribuíndo a frear as consecuencias do cambio climático”.

Tamén fixo fincapé nas fortalezas da comarca para liderar o sector: “Temos unha Universidade dinámica, formadora de profesionais, instalacións axeitadas, empresas punteiras e man de obra cualificada. Ferrolterra ten que ser o polo do I+D de enerxías mariñas renovábeis e almacenamento. Queremos e debemos ser referentes tecnolóxicos”.

O alcalde tamén indicou que é preciso que os proxectos de enerxías renovábeis sexan “escrupulosamente respectuosos co medio ambiente, a biodiversidade, e o patrimonio cultural”, ao tempo que asegurou que “deben reverter a na creación de emprego e no desenvolvemento do territorio onde se instalen”.

Para rematar, Trigo referiuse á importancia de protexer sectores estratéxicos para a economía galega, como a pesca e o marisqueo, “fundamentais para avanzar cara a soberanía alimentaria”. O alcalde expresou o seu desexo de que esta perspectiva estea presente nas xornadas e que o Congreso resulte de proveito para as persoas participantes