Nova edición do Programa Integrado para o Emprego de Galicia dirixido a mulleres desempregadas de Fene, Narón, Neda, Cabanas, Ares, Mugardos, Cedeira e Valdoviño

Nova edición do Programa Integrado para o Emprego de Galicia dirixido a mulleres desempregadas de Fene, Narón, Neda, Cabanas, Ares, Mugardos, Cedeira e Valdoviño

A Xunta de Galicia vén de conceder á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia, financiado pola administración autonómica e o Servicio Público de Empleo Estatal con 220.000 €. O programa vai dirixido a mulleres en situación de desemprego, inscritas na correspondente Oficina de Emprego, e empadroadas nos Concellos de Fene, Cedeira, Valdoviño, Narón, Neda, Cabanas, Ares ou Mugardos.

O Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol 2024/2025 ten unha duración de 12 meses e o seu obxectivo principal é achegar ferramentas ás participantes para mellorar a súa empregabilidade e lograr a inserción laboral. Os medios que se utilizan para a consecución do obxectivo son diversos e adaptados ao perfil de cada persoa.

Con esta finalidade, conxugaranse accións individuais co persoal técnico do programa (orientación laboral, asesoramento, información, itinerarios personalizados de inserción...) con accións formativas, tanto específicas para o emprego como transversais.

A formación específica para o emprego incluirá itinerarios de Limpeza industrial, Preparación e venda de peixe, Comercio e loxística, Cociña, Agricultura ecolóxica e Xestión de comunidades virtuais (community management).

A formación transversal estará composta por diversos cursos entre os cales se inclúen Técnicas de busca de emprego, Habelencias sociais, Alfabetización informática, Internet, Redes sociais e dispositivos dixitais, Conversa de Inglés, Fomento da capacidade emprendedora, Técnicas de coaching e intelixencia emocional, Técnicas de motivación para a busca de emprego e Mobilidade laboral.

O persoal técnico tamén abordará a prospección laboral, establecendo contacto coas empresas da contorna de cara a coñecer as necesidades do mercado e as posibles ofertas de emprego para facilitar a información e inserción laboral das usuarias.

O programa contará, ademais, con medidas de apoio á conciliación familiar, persoal e laboral, para facilitar a participación de todas aquelas usuarias que teñan persoas maiores ou menores a cargo. Así mesmo, terán dereito a percibir unha bolsa de 10€ por día de asistencia ás accións do programa.

Esta metodoloxía permite que as participantes amplíen a súa cualificación, melloren o coñecemento de si mesmas e do propio mercado laboral e adquiran formación que lles sirva para que a súa busca de emprego sexa máis eficiente e efectiva.

Todas aquelas mulleres interesadas e debidamente inscritas como demandantes de emprego poden ampliar información na web da Mancomunidade, https://comarcaferrolterra.wordpress.com/ e contactando co equipo técnico do programa nos seguintes números de teléfono 613 10 85 35 / 613 10 85 30 ou ben no enderezo de correo electrónico piemancomunidade@ferrol.es.

Tamén para calquera aclaración ou consulta: Área de Formación e Emprego “Pancho Allegue”. Teléfono 981 492 767. orientacion.laboral@fene.gal

Descargas