O Concello de Fene completa o 100% do acceso á rede de auga na parroquia de Limodre

O Concello de Fene completa o 100% do acceso á rede de auga na parroquia de Limodre

O alcalde, Juventino Trigo; o concelleiro de obras, Manuel Polo; e a concelleira de servizos, Sandra Permuy, visitaron as obras para supervisar o seu estado actual

O Concello de Fene culminará nos próximos días as obras de dotación de abastecemento de auga nos lugares do Camiño Grande – O Cotillón, A Fraga e O Sino, na parroquia de Limodre, unha actuación que, como xa fora avanzado, permitirá garantir o acceso á rede de auga potábel ao 100% das vivendas da parroquia, dando resposta a unha histórica demanda da veciñanza.

Durante a visita realizada na mañá do venres, o concelleiro de obras, Manuel Polo, destacou que xa están colocadas as válvulas e as chaves de paso en toda a obra e que, como paso previo a tapar as zonas intervidas, “realizarase unha proba de presión de auga para verificar que non existen fugas e que a subministración funciona correctamente”. Unha vez comprobado que todo está en orde, procederase á reposición das zonas levantadas. Polo tamén sinalou que esta obra “asegura que todas as vivendas de Limodre dispoñan dunha subministración eficiente e segura, mesmo nos meses de maior demanda”.

Pola súa banda, o alcalde, Juventino Trigo, subliñou a importancia desta intervención para mellorar a calidade de vida da veciñanza. “Con esta obra, aseguramos que toda a parroquia de Limodre teña acceso á auga potábel, resolvendo unha carencia histórica e garantindo unha infraestrutura esencial para o benestar da nosa cidadanía”. Trigo tamén puxo en valor o compromiso do Concello coa modernización das infraestruturas municipais en todo o termo municipal.

As obras, cun investimento de 100.648,64 euros con cargo ao POS+ Adicional da Deputación da Coruña, están a piques de finalizar dentro dos prazos previstos. A intervención incluíu a instalación de canalizacións de polietileno de alta densidade e a utilización de técnicas avanzadas para reducir o impacto sobre as vías municipais, respectando as características xeográficas da zona.

Con esta actuación, o Concello de Fene reafirma o seu compromiso de atender as necesidades básicas da veciñanza e de avanzar na mellora continua das infraestruturas públicas.