Os traballos, realizados polo persoal municipal, afectaron a exemplares situados en diversos puntos do concello, como San Valentín ou Chamoso
O Concello de Fene retira as copas de varias palmeiras afectadas pola praga do picudo vermello
02-12-2024
O Concello de Fene continúa estes días cos labores de mantemento e control das árbores afectadas pola praga do picudo vermello (Rhynchophorus ferrugineus), un insecto cuxas larvas perforan os troncos das palmeiras, provocando o seu deterioro e, en moitos casos, a súa morte. Nos últimos días procedeuse ao corte das copas das palmeiras situadas na zona de San Valentín, unha medida que tamén se realizou previamente noutros puntos do termo municipal, como o entorno do Grupo Escolar Concepción Arenal, en Chamoso.
A concelleira de Medio Ambiente, Maricarmen Martínez, explicou que “o picudo vermello é unha praga difícil de controlar, xa que as larvas perforan galerías de máis dun metro nos troncos, danando severamente as árbores e poñendo en perigo a súa viabilidade”. Neste sentido, Martínez destacou o traballo do persoal municipal, que está a realizar estas actuacións co obxectivo de mitigar o impacto da praga e evitar riscos para a seguridade da veciñanza.
O Concello de Fene continúa monitorizando as zonas máis afectadas e planificando accións futuras para controlar a praga, ao tempo que se estuda a posibilidade de replantar especies máis resistentes neste tipo de espazos.
O picudo vermello, orixinario do sueste asiático, converteuse nos últimos anos nunha importante ameaza para as palmeiras situadas nos concellos galegos. A colaboración da veciñanza, informando de posíbeis casos de afectación, resulta esencial para que o Concello poida actuar con celeridade.