As intervencións inclúen rozas e o acondicionamento do firme para facilitar a accesibilidade e mellorar a seguridade
Continúan os traballos de mellora da rede de camiños en Fene
Os traballos forman parte do compromiso do goberno local coa posta en valor das infraestruturas rurais e a conservación do medio natural
12-12-2024
O Concello de Fene continúa cos traballos de acondicionamento e mellora de varios camiños rurais nas diferentes parroquias. As últimas actuacións, realizadas entre os meses de novembro e decembro, incluíron o treito entre do Camiño do Catalán ao Camiño do Casal, en Maniños; o camiño que conecta Romariz co Camiño do Catalán, en Barallobre; e varios camiños na zona de Lubián, en Sillobre.
Estas intervencións consistiron en tarefas de roza da maleza e a mellora do firme mediante a aportación de grava, co obxectivo de garantir a accesibilidade e incrementar a seguridade nestas vías utilizadas habitualmente tanto por vehículos como por peóns.
A concelleira de Servizos, Sandra Permuy, destacou que “estes traballos son fundamentais para mellorar a calidade de vida da veciñanza e para conservar o noso medio rural. Trátase de actuacións que responden a demandas históricas das parroquias, ás que estamos a dar resposta grazas ao esforzo e compromiso do goberno local”.
Permuy engadiu que as intervencións tamén contribúen á prevención de incendios e á preservación das contornas naturais que rodean estas vías.
Con estas melloras, o Concello de Fene reafirma a súa aposta pola conservación das infraestruturas rurais, a mobilidade sostíbel e o equilibrio entre o desenvolvemento local e o coidado do medio ambiente.