O Concello de Fene aproba a Oferta de Emprego Público 2024 e avanza nos procesos selectivos en curso

A nova OEP inclúe tres prazas de funcionario: oficial albanel – fontaneira/o, conserxe e bibliotecaria/o

O Concello de Fene aproba a Oferta de Emprego Público 2024 e avanza nos procesos selectivos en curso

Os procesos de estabilización están xa rematados e formalizados, mentres continúan as convocatorias das OEP anteriores

A Mesa Xeral de Negociación aprobou o pasado 5 de decembro a proposta de Oferta de Emprego Público (OEP) 2024 para o Concello de Fene. A oferta inclúe tres prazas de novo ingreso: unha de oficial albanel-fontaneira/o, unha de conserxe e outra de bibliotecaria/o, todas elas na categoría de persoal funcionario. Estas prazas publicaranse proximamente no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

A concelleira de Persoal, Sandra Permuy, destacou que esta nova OEP "reflicte o compromiso do Concello coa mellora dos servizos municipais e a estabilidade laboral, ofrecendo novas oportunidades de acceso ao emprego público".

Por outra banda, os procesos de estabilización enmarcados na normativa estatal están xa rematados e formalizados, garantindo a continuidade do persoal afectado. Ademais, respecto ás ofertas de emprego de anos anteriores (2020, 2021 e 2022), acábase de nomear á nova técnica de xestión económica e intervención e está aprobada a lista definitiva e o nomeamento do tribunal para a praza de arquitecto/a.

Actualmente, atópanse en prazo de presentación de instancias as convocatorias de dúas prazas de administrativo/a e unha de arquiveiro/a, mentres que están convocadas e pendentes de publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) as prazas de promoción interna para operario/a electricista, operario/a de mantemento-auxiliar soldador/a, conserxe, condutor/a tractorista e dúas prazas de peón/a de limpeza de edificios.

En relación ao persoal temporal, o Concello de Fene ten abertas bolsas para oficial electricista e administrativo/a, ademais dunha provisión por comisión de servizos.

Permuy subliñou que “con estas accións seguimos avanzando na modernización da administración local e na cobertura de prazas vacantes, fundamentais para garantir un servizo público eficiente e de calidade para a veciñanza de Fene”.