Comeza o Obradoiro dual de emprego Reinicia XI
Un total de 10 veciñas e veciños de Fene participan no Obradoiro Reinicia XI
19-12-2024
Onte a Alianza Aresana acolleu o acto de inauguración do obradoiro dual de emprego Reinicia XI, promovido polo Concello de Ares, xunto cos concellos de Fene e Mugardos. Conta con dúas especialidades, atención sociosanitaria e carpintería, e neles participan un total de 20 alumnos/as traballadores/as, 10 por cada especialidade.
Como xa é común nesta tipoloxía de itinerario formativo, ambas opcións contemplan contratos de aprendizaxe en empresas e contornas reais de traballo e incluirán certificados de especialización profesional para impulsar o atractivo dos perfís laborais do alumnado.
Persoas contratadas
As persoas foron preseleccionadas mediante unha oferta de emprego en cada unha das especialidades tramitadas no Servizo Público de Emprego de Galicia, procedéndose logo á selección definitiva para a súa contratación por 9 meses, dando prioridade ás persoas desempregadas dos concellos organizadores.
Un total de 10 persoas de Fene formarán parte do alumnado – traballador seleccionado para participar no obradoiro Reinicia XI, 5 na especialidade de carpintería e 5 no de atención sociosanitaria. Os concellos de Mugardos e Ares contarán con 5 alumnos, respectivamente.
Ademais, para o desenvolvemento e xestión do obradoiro Reinicia XI contratáronse persoal para ocupar os postos de dirección, docencia de cada unha das especialidades, docencia de ensino básico e docencia de formación empresarial e titorización.
O obradoiro dual de emprego conta coa subvención e apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.