O alcalde, Juventino Trigo, participou nunha reunión coa conselleira de Medio Ambiente xunto aos rexedores de Ares e Mugardos
O Concello de Fene demanda máis apoio para mellorar o saneamento no municipio
O Concello insiste na necesidade de colaboración da Xunta para optimizar as infraestruturas e reducir os caudais de augas residuais
21-02-2025

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, participou esta semana nunha reunión coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, na que tamén estiveron presentes os alcaldes de Ares, Julio Iglesias, e de Mugardos, Juan Domingo de Deus. O encontro serviu para analizar vías de colaboración entre a Xunta de Galicia e os tres concellos en materia de saneamento de augas.
Desde o Concello de Fene trasladouse á Xunta a necesidade urxente de apoio técnico e económico para optimizar as infraestruturas de saneamento e reducir os caudais de augas residuais, garantindo un servizo eficiente e sostíbel para a veciñanza.
O alcalde, Juventino Trigo, destacou que “Fene leva anos asumindo con fondos propios e do POS actuacións para mellorar o saneamento, pero é imprescindíbel que a Xunta se implique de forma decidida nesta cuestión. O saneamento e o tratamento das augas residuais son competencias municipais, pero os concellos precisamos axuda para acometer melloras que beneficien a toda a poboación".
Colaboración con Augas de Galicia
Durante a reunión, analizouse a posibilidade de que Augas de Galicia estude actuacións que permitan reducir os caudais de augas residuais que chegan ás infraestruturas municipais. Neste sentido, Trigo subliñou que "é fundamental que se realicen investimentos que garantan unha rede eficiente e axuden a minimizar o impacto ambiental".
Ademais, o alcalde de Fene puxo sobre a mesa a necesidade de que Augas de Galicia actúe para dar unha solución definitiva aos desbordamentos do río en Perlío, xa que cando isto acontece, a auga acaba entrando no sistema de saneamento, sobrecargando as infraestruturas municipais e xerando un aumento innecesario nos custos de depuración. "É un problema que se repite periodicamente e que ten un impacto directo tanto na capacidade da rede como nos gastos municipais. A Xunta debe asumir a súa responsabilidade e ofrecer unha solución eficaz", reclamou Trigo.
A conselleira de Medio Ambiente informou aos alcaldes das diferentes liñas de financiamento dispoñibles para infraestruturas de saneamento, ás que os concellos poderán optar para mellorar a xestión dos seus servizos. Desde o Concello de Fene valórase a posibilidade de presentar proxectos a estas convocatorias, pero insístese na necesidade dun compromiso firme da Xunta para avanzar nun saneamento moderno e sostíbel.
O Concello de Fene seguirá traballando para que se materialicen melloras nesta área e continuará reclamando o apoio da Administración autonómica para que a veciñanza dispoña dun servizo de saneamento eficaz e adaptado ás necesidades actuais.