O Día das Letras Galegas 2025 celebra este ano a voz das mulleres na música popular
17-05-2025

A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Enténdase, pois, que non están todas as que son, senón que se buscou unha mostra representativa destas figuras que coidaron, arrequeceron e transmitiron esta tradición centenaria.
Por elo, dende o Concello de Fene queremos facer extensiva esta celebración a tódalas cantareiras galegas; e en especial as nosas Cantareiras, Xerfa e Xirifeiras de Airiños de Fene.
A música foi da man da poesía nas súas primeiras manifestacións (e aí temos a referencia da nosa lírica medieval, no pergamiño Vindel e Martin Codax e mais coa notación musical en todas as Cantigas de Santa María). Pese á prohibición da lingua galega nos textos escritos a partir do século XVI, a poesía oral mantívose viva ó longo do tempo, canda a lingua, fóra das canles oficiais e case por completo da letra impresa. A súa actitude de espontaneidade, tolerancia, desorde e certa despreocupación pola forma valeulle normalmente unha valoración negativa desde os estratos sociais que procuraban unha cultura baseada no coñecemento da cultura clásica, a disciplina e o acatamento ás formas. E a distancia entre ambas foi aumentado por mor da difusión da imprenta, a escolarización e a urbanización.
Deste xeito, fluíu como unha corrente subterránea alternativa á denominada literatura “culta”, propia das clases subalternas que a compuxeron e a fixeron medrar. É a oralidade o seu medio de expresión e transmisión, amais do seu carácter colectivo. Desenvólvese no contexto das foliadas (ou polavilas, ou seráns), celebracións da fin dos traballos agrícolas, con música e baile, ao xuntarse a xente arredor de cantadoras e pandeireteiras. E foi fundamental no rexurdimento da literatura galega e no seu desenvolvemento posterior: a obra fundacional da nosa figura máis sobranceira, Rosalía de Castro, os Cantares gallegos, bebe directamente da poesía popular.
As mulleres foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura: tense dito que as pandeireteiras son símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade. Cantadoras, tocadoras e bailadoras fortalecían os vencellos comunitarios no ocio colectivo, inconscientes, probablemente, da súa forza emocional e política, como apunta a musicóloga Beatriz Busto. Desde as primeiras recollas foise pondo de relevo a figura do gaiteiro, que desempeñaba o seu oficio no espazo público, mentres que as pandeireteiras tocaban no espazo privado, conforme o papel asignado ás mulleres. Por esa razón, e para visibilizar o dobre ocultamento de xénero e materia popular, optouse por unha candidatura feminina.
No último terzo do século XX, cos cambios de modelo produtivo que ocasionaron o abandono do medio rural, a transmisión interxeracional nas aldeas foi mudando para o ensino regrado, grazas ao labor dos coros históricos e das asociacións culturais, que promoveron aulas, concursos e exhibicións por todo o país. Desde finais da década de 1970 non só fixeron traballo de campo recollendo letras e coplas, senón tamén docencia e espallamento de letras, bailes e músicas. Todos estes colectivos foron axentes no mantemento e transmisión deste legado á sociedade, que tan claramente mostra a identidade colectiva, con múltiples facetas: lingua, música, baile, vestiario. Así, foise espallando entre a xente nova ese tesouro con tan pouca visibilidade social antano e que aínda hoxe require de maior protección institucional como parte do noso patrimonio inmaterial.
E ese labor frutificou tamén nos últimos anos entre a mocidade: novas figuras da regueifa, o noso rap bravú, grupos que transcenden os ritmos tradicionais con fusión con novas músicas, do rock e o jazz ao pop e á electrónica. Nun momento en que a lingua galega presenta as cifras máis baixas entre a xente máis nova, o interese por estes grupos e polas diversas manifestacións que levan asociadas contribuirá tamén á difusión oral da lingua en que están creadas: asistimos agora a novas foliadas, a cantos de taberna, á irrupción espontánea de xente bailando nos concertos de música tradicional… Cómpre volver ás raíces para seguir botando gromos.
Para coñecer máis polo miúdo a nosa poesía popular oral entrade nos recursos achegados a esta nova. Felíz día.
https://academia.gal/letras-galegas/2025/cantareiras
https://consellodacultura.gal/especiais/agora-vou-cantar-eu/