Sandra Permuy convértese na primeira alcaldesa do Concello de Fene
16-05-2025

Fene fixo historia este venres ao escoller, por primeira vez, unha muller como alcaldesa do concello. Sandra Permuy, até o de agora primeira tenente de alcalde e concelleira de servizos, benestar social, igualdade, seguridade e persoal, foi investida alcaldesa co apoio das concelleiras do BNG e Esquerda Unida no pleno celebrado esta tarde no Concello.
A sesión contou cunha gran afluencia de público, que ateigou o salón de plenos para presenciar unha xornada sinalada. Entre os asistentes, destacaron dúas figuras moi ligadas á historia do nacionalismo en Fene: os exalcaldes Xosé María Rivera Arnoso, e Juventino Trigo, quen suman máis de 36 anos de gobernos nacionalistas no municipio, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que quixo arroupar á nova rexedora “nun día histórico para Fene e para Galiza”.
Un discurso centrado na igualdade e no compromiso
No seu primeiro discurso como alcaldesa, Sandra Permuy reivindicou o avance en igualdade que supón a súa elección: “Nunca na historia do noso concello houbo unha muller na alcaldía. Pode parecer anecdótico, mais trátase dun cambio radical”. Subliñou que a corporación actual “parécese máis que nunca ao pobo que nos elixiu” e que “neste pleno, Fene marca un novo fito sendo a política local a que leva a dianteira en materia de igualdade”.
Permuy tamén foi clara ao afirmar que “existe machismo e existen barreiras para as mulleres, incluso nas persoas que exercen cargos públicos e que fan o contrario do que din”, pero asegurou que “con paciencia, constancia e moita reivindicación, as mulleres acadaremos unha sociedade máis xusta e máis igualitaria”.
A nova rexedora agradeceu a confianza recibida pola asemblea local do BNG, a súa executiva comarcal e a portavoz nacional, Ana Pontón, así como “aos grupos municipais que, con lexítimas diferenzas, trasladáronme estes días o seu compromiso con Fene”.
Orzamentos en vigor e proxectos en marcha
No seu discurso, a alcaldesa tamén destacou que “hoxe entran en vigor os orzamentos municipais, uns orzamentos de máis de 16 millóns de euros, cheos de proxectos e de forza transformadora”. Avanzou que a reorganización do novo executivo que presentará nuns días seguirá traballando con diálogo cos grupos municipais e coa veciñanza, para mellorar os servizos básicos, o benestar social, o urbanismo, a accesibilidade, o emprego e a calidade de vida en Fene.
“Temos retos importantes: seguir a mellorar as rúas e camiños, impulsar un novo PXOM, eliminar barreiras físicas e tamén mentais, traballar a prol do emprego digno, dunhas escolas e dunha sanidade á altura... e petar en todas as portas para mellorar Fene”, asegurou.
Tamén fixo referencia ás palabras do seu predecesor, Juventino Trigo, no seu último discurso de investidura: “Fene merece un goberno estable e forte, pero sobre todo, un goberno honesto, transparente, que faga política con maiúsculas, para a xente e coa xente”. E concluíu: “O obxectivo está logrado: Fene conta con estabilidade, honestidade, proxectos e equipo para desenvolvelos”.
Sandra Permuy finalizou a súa intervención cunha mensaxe cargada de emoción e compromiso: “Síntome orgullosa, como muller do metal, de ser a primeira alcaldesa do meu pobo. Estarei á altura co apoio de todas e todos vós. Moitas grazas de corazón”.
Nova incorporación na corporación municipal
Apenas uns minutos antes do pleno de elección da nova alcaldesa de Fene, a corporación celebrou un pleno extraordinario urxente no que se formalizou a incorporación de Alba García Fariña como nova concelleira do BNG, ocupando o escano deixado por Juventino Trigo tras a súa renuncia. A nova concelleira prometeu o cargo por imperativo legal, e foi recibida cun aplauso por parte da corporación e o público presente.
Notas biográficas
A nova alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, naceu en 1974 e é educadora infantil de profesión. Ten unha longa traxectoria vinculada ao compromiso social e institucional, e forma parte da corporación municipal desde o ano 2015, exercendo diversas responsabilidades de goberno ao longo destes anos. Ata a súa elección como alcaldesa, era primeira tenente de alcalde e concelleira de servizos, persoal, igualdade, benestar social e seguridade.
Pola súa banda, Alba García naceu en Fene en 1991. É terapeuta ocupacional e desenvolve a súa actividade profesional en Teima Down Ferrol, centrando o seu traballo no ámbito das persoas con discapacidade. Durante a súa etapa universitaria estivo vinculada aos Comités e á organización estudantil Erguer, e desde 2019 forma parte da Xunta Directiva do CPS San Valentín.