Fene destaca a importancia da formación xuvenil co inicio do obradoiro de emprego Inicia VIII

A alcaldesa, Sandra Permuy, recibiu á delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, nunha visita á nave de San Marcos, onde se está a impartir a especialidade de tubaxe industrial a 13 mozas e mozos en situación de desemprego

Fene destaca a importancia da formación xuvenil co inicio do obradoiro de emprego Inicia VIII

O programa, promovido polos concellos de Fene, Ares, Cabanas e Mugardos, conta cun financiamento de 448.967 euros

O Concello de Fene acolle desde hai unhas semanas unha nova edición do obradoiro de emprego ‘Inicia VIII’, un programa de Garantía Xuvenil dirixido a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos en situación de desemprego. A iniciativa, promovida de maneira conxunta polos concellos de Fene, Ares, Cabanas e Mugardos, conta cun financiamento de 448.967 euros.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e a concelleira de emprego, Ángeles Coira, acompañaron esta mércores á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e ao director territorial da Consellería de Emprego, Juan José Couce, nunha visita á nave municipal de San Marcos, onde se está a desenvolver a formación na especialidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial.

Permuy puxo en valor “a importancia de aproveitar todas as oportunidades formativas dispoñibles, especialmente as dirixidas á mocidade, que afronta retos importantes para acceder ao mercado laboral”. A rexedora agradeceu tamén a colaboración institucional que permite desenvolver programas coma este, “cunha vertente práctica que reforza o currículo das persoas participantes e mellora as súas opcións de empregabilidade”.

Formación con impacto real no territorio

As e os 13 participantes do obradoiro completarán a súa formación teórica cunha serie de actuacións prácticas nos catro concellos participantes. Así, realizarán diversas melloras en espazos públicos de Fene, instalarán tubos para varandas en Ares, construirán unha base modular para un escenario en Cabanas, e executarán recintos para colectores en Mugardos

Con programas coma este, o Concello de Fene reafirma a súa aposta pola formación como ferramenta de inserción laboral, promovendo programas que dan resposta ás demandas do tecido empresarial. Este obradoiro supón tamén unha oportunidade para a mellora de infraestruturas locais, xerando beneficios tanto para as persoas participantes como para a veciñanza.