Fene estrea oficina de turismo na Avenida do Concello, ao paso do Camiño Inglés

O novo emprazamento, nas inmediacións do consistorio, mellora a visibilidade e accesibilidade do servizo para peregrinas e visitantes

Fene estrea oficina de turismo na Avenida do Concello, ao paso do Camiño Inglés

A oficina funciona en horario de mañá, de luns a venres, e o servizo está financiado pola área de Turismo da Deputación da Coruña

O Concello de Fene vén de poñer en funcionamento a súa nova oficina municipal de turismo, situada agora na Avenida do Concello, a carón da Casa consistorial e nun punto estratéxico do Camiño Inglés a Santiago. A nova ubicación responde ao obxectivo de ofrecer un servizo máis funcional e visíbel, achegándoo tanto á veciñanza como ás persoas que visitan Fene.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Ángeles Coira, valorou moi positivamente o cambio: “Esta nova localización permite que o servizo sexa máis accesíbel e visíbel, especialmente para as persoas que transitan polo Camiño Inglés. A oficina convértese así nun punto de referencia para coñecer Fene e descubrir a súa riqueza patrimonial, cultural e gastronómica”.

A oficina está atendida por unha técnica de turismo e ofrece atención presencial de luns a venres, en horario de 8:30 a 13:30 horas. Desde este espazo facilítase información turística, mapas, materiais divulgativos e orientación tanto a persoas visitantes como á veciñanza interesada en descubrir os recursos do concello. Este servizo de atención está financiado por Turismo da Deputación da Coruña, no marco do seu programa de apoio aos concellos para o desenvolvemento e promoción turística.

“Queremos que quen chegue a Fene se sinta ben acollido desde o primeiro momento”, engadiu Coira. “Esta oficina é unha porta de entrada a todo o que ofrece o noso concello: desde o patrimonio natural das súas praias e sendeiros, ata as festas, a música ou a arte urbana. Fene é un destino cada vez máis activo, e esta oficina é un recurso clave para acompañar ese crecemento turístico”.