Fene únese un ano máis á Limpeza Simultánea de Ríos

Fene únese un ano máis á Limpeza Simultánea de Ríos

Dúas entidades fenesas, AETNA e a Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico Betula, participarán na XVIII Limpeza Simultánea de Ríos, que terá lugar este domingo, 21 de setembro.


O Proxecto Ríos xa leva organizando dende o 2008 este día de Limpeza Simultánea en numerosos concellos de Galicia. É un día no cal voluntarios e voluntarias saen aos seus ríos para recoller o lixo que atenta contra a riqueza dos nosos ecosistemas fluviais. Miles de quilogramos de refugallos xa foron extraídos de moitos ríos galegos polos centos de voluntarios/as que teñen participado nas limpezas anteriores.

En Fene, animámosvos a ir a limpeza do Río Baa e recollades ese lixo que acaba coa súa biodiversidade e beleza.

O domingo 21, achegádevos ata a sede de AETNA entre as 10,30 e as 11:00. Persoal das entidades  tomarán os datos das voluntarias/os antes de iniciar a actividade.

As persoas participantes deberán ir con roupa e calzado cómodos. No local de AETNA facilitaráselles o material para realizar a limpeza. (luvas, bolsas de lixo)

Ao finalizar ofreceránse uns petiscos.

O máis importante deste día é a labor de concienciación social que entre todos e todas realizamos. Axudamos a manter un bo estado de conservación nos nosos ecosistemas fluviais e facémoslle ver á cidadanía que as pequenas accións valen moito.

📎 Toda a información de “Móllate polos ríos” en  https://limpeza.proxectorios.org/