A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol aproba unha declaración institucional para reclamar un servizo ferroviario digno do século XXI
O texto, impulsado polo Foro Cidadán polo Ferrocarril, recolle as demandas de modernización das infraestruturas
22-10-2025
Imaxe: E. Cortizas. Diario de Ferrol
O pleno da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol aprobou onte por unanimidade unha declaración institucional para esixir a modernización e mellora do servizo ferroviario en Ferrolterra, dando así respaldo ás reivindicacións formuladas polo Foro Cidadán polo Ferrocarril.
O texto, promovido por este colectivo social e trasladado á Mancomunidade pola alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, recolle a preocupación polas actuais carencias nas conexións ferroviarias e reclama un compromiso real das administracións competentes para acadar un servizo digno do século XXI.
A alcaldesa destacou as prioridades que o goberno municipal considera urxentes, como a execución do bypass en Betanzos, a mellora e duplicación do trazado actual, a súa electrificación e compatibilidade co tráfico de mercadorías, así como a transferencia a Galiza da infraestrutura ferroviaria.
Xunto a estas medidas, Sandra Permuy puxo o foco na necesidade de implantar un servizo de proximidade entre Ferrol, A Coruña e os concellos intermedios, que permita ofrecer unha alternativa real ao uso do vehículo particular, favorecendo a mobilidade sostible e o desenvolvemento económico e social da comarca.
A rexedora lembrou que este traslado á Mancomunidade fora un dos compromisos adquiridos coa representación do Foro Cidadán polo Ferrocarril durante a recepción institucional celebrada no Concello de Fene o pasado mes de xuño.
