Clausura do obradoiro de emprego INICIA VIII en Fene

Clausura do obradoiro de emprego INICIA VIII en Fene

O Salón de Plenos do Concello de Fene acolleu esta semana o acto de clausura do Obradoiro de emprego Inicia VIII. A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, estivo acompañada no acto pola delegada territorial da Xunta de Galicia, Martina Aneiros, o director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, o alcalde de Cabanas, Fernando Couce, a 1ª teniente de alcalde de Mugardos, Ana Varela e o alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias.

O Obradoiro Inicia VIII formou durante doce meses a trece mozas e mozos de entre 18 e 30 anos, na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial, cun modelo que combinou formación en aula coa aplicación práctica dos coñecementos adquiridos.

Ao abeiro deste programa, o alumnado desenvolveu diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas coma varandas para o concello de Fene, peche de contenedores para o concello de Mugardos, reposición de varandas para o concello de Ares e execución dun palco para o concello de Cabanas.

No decurso do acto, a alcaldesa de Fene trasladou os parabéns do Concello de Fene ao alumnado–traballador que completou a súa formación, e amosouse convencida de que esta experiencia “permitiralles mellorar a súa empregabilidade, facilitando a inserción no mercado laboral”.

O Obradoiro foi promovido polos Concellos de Fene, Ares, Cabanas e Mugardos, e contou cunha subvención da Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración, no marco da iniciativa de emprego xuvenil e o Programa Operativo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) Galicia 2021 – 2027.