O Concello de Fene incorpora unha educadora social a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027

Trátase dunha contratación a xornada completa durante nove meses para reforzar a intervención social municipal

O Concello de Fene incorpora unha educadora social a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027

O pasado 12 de decembro incorporouse ao Concello de Fene unha educadora social, con contrato a xornada completa durante nove meses, ao abeiro dunha subvención concedida pola Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración destinada á contratación de persoas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Esta actuación enmárcase no ámbito da colaboración con entidades locais de Galicia e ten como finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas que non estudan nin traballan, facilitándolles a realización dun traballo efectivo que lles permita adquirir práctica profesional real, clave para unha integración sustentable no mercado laboral.

A través desta contratación, o Concello de Fene reforza a súa capacidade de intervención social e contribúe á adquisición de competencias profesionais por parte da persoa contratada, xerando unha experiencia laboral directamente relacionada coa súa formación e coas necesidades do ámbito social municipal.

Esta contratación está cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea, no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4: “Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais”, prioridade 5 “Emprego xuvenil”, obxectivo específico ES04.1, orientado a mellorar o acceso ao emprego e ás medidas de activación, especialmente das persoas mozas a través da Garantía Xuvenil. A actuación
inscríbese na medida 5.A.02 “Facilitar a mellora da empregabilidade das persoas mozas desempregadas”.

Con esta iniciativa, o Concello de Fene reafirma o seu compromiso coa mocidade, coa promoción do emprego de calidade e coa correcta aplicación dos fondos europeos destinados a construír unha sociedade máis xusta, inclusiva e con maiores oportunidades laborais.