Declaración institucional 8M
06-03-2026
As mulleres xestoras do cambio
A conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, permítenos lembrar, reivindicar e facer balance dos avances acadados. Unha data mundialmente rememorada na que a ONU, neste 2026, une a mulleres e nenas para esixir igualdade real de dereitos e unha xustiza para facer valer, exercer e desfrutar eses dereitos.
No municipalismo galego, falar de igualdade significa falar de milleiros de mulleres implicadas ao longo dos anos que deixaron e deixan o mellor do seu talento e da súa capacidade ao servizo da veciñanza con responsabilidade, bo facer e rendición de contas. Un traballo cotiá que mantén en pé aos concellos e garante que os servizos públicos cheguen a todas as persoas.
Desde o Concello de Fene compartimos a iniciativa da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e queremos poñer o acento neste labor imprescindible, e non sempre recoñecido, das xestoras públicas. Mulleres que dende os espazos de responsabilidade, e tamén dende os equipos técnicos, sosteñen a administración local e participan nos procesos máis esixentes que afrontan hoxe os gobernos máis próximos á cidadanía.
Dende Maruja Gómez, a primeira muller alcaldesa elixida democraticamente en Galicia no ano 1936, ata hoxe, moitas mulleres foron asumindo os bastóns de mando dos 313 concellos galegos. Outras como concelleiras e outras en labores de oposición, pero todas erguendo a bandeira do traballo colectivo e deixando o listón moi alto. De feito, compre engadir que máis do 42% das concellerías nos municipios galegos están ocupadas por unha muller, malia que só o 22% son alcaldesas.
Falamos de mulleres traballando en ámbitos e funcións chave na xestión municipal como a planificación de servizos, o deseño dos pobos e das cidades, a xestión económica, a contratación pública ou programando e prestando servizos á comunidade. Un traballo constante e rigoroso, absolutamente esencial para garantir a continuidade, a estabilidade institucional e a mellor atención, mesmo en situacións complexas como recentemente aconteceu coa pandemia do Covid.
Na actualidade, esta experiencia resulta determinante para facer fronte a un dos maiores desafíos do municipalismo como foi a xestión dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, coñecidos como Next Generation EU. Nunca antes os concellos e deputacións tiveran que xestionar recursos de tal dimensión, cunha esixencia técnica que require coñecemento normativo, vangarda, organización, coordinación e unha planificación precisa. En Galicia, unha parte moi significativa desta responsabilidade recae nas mulleres.
Ese foi o motivo de poñer este 8M o foco nas mulleres como xestoras transformadoras dos seus pobos e cidades, facendo gala dun compromiso e coñecemento do territorio que posibilita que os investimentos non se concentren só nos grandes núcleos urbanos, senón que contribúan á cohesión territorial de toda Galicia e a un desenvolvemento máis equilibrado.
Este liderado político e institucional implica tomar decisións, establecer prioridades e garantir a transparencia no uso dos recursos públicos, con rigor e unha base sólida que reforza a confianza da cidadanía nas institucións.
En todos os contextos políticos, a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes non pode entenderse como unha cuestión secundaria, senón como unha condición necesaria para a eficacia e a eficiencia das políticas públicas. Non hai política sen igualdade, non hai xestión sen mulleres, non hai democracia real sen paridade.
Por todo iso, debemos seguir defendendo o feminismo como un movemento político, social e cultural civilizatorio, indispensable para combater todas as formas de desigualdade, discriminación e violencia. É indispensable para reforzar a participación activa das mulleres na política local, pero tamén na economía, na educación, na investigación e na tecnoloxía. E por suposto, é imprescindible para fornecer e ampliar a actual axenda pública con novas respostas a vellas preguntas, con novas solucións para vellos problemas.
Neste 8 de marzo, na FEGAMP reafirmamos o noso compromiso para seguir visibilizando ás mulleres como xestoras do público, exercendo o poder e eliminando barreiras que aínda dificultan a seu acceso a postos de responsabilidade. Temos a oportunidade en Galicia de seguir pulando por un modelo municipal de desenvolvemento sostible, social, económico e medioambiental, centrado nas persoas, con perspectiva de xénero, con miradas máis plurais e coa igualdade impregnando a organización e a xestión dos concellos. Invitámosvos a que durante todo o ano, pero especialmente nestas datas tan simbólicas, estimulemos conxuntamente a visibilización destes logros escritos co nome de centos de mulleres, que abramos espazos de participación para todas, que reforcemos a colaboración e o liderado de todas elas.
Traballemos para que os retos e desafíos que temos por diante se afronten dende o principio de igualdade, recoñecendo ás mulleres non só como protagonistas da igualdade, senón como xestoras do cambio, responsables directas de construír, dende o ámbito local, un mellor futuro.
Cando unha muller avanza, ningún home retrocede. Cando unha muller avanza, todas dan un paso ao fronte.
Declaración Institucional do Concello de Fene polo 8M, Día Internacional da Muller. Aprobada por unanimidade pola corporación municipal no pleno celebrado o 5 de marzo de 2026.
