Os períodos voluntarios serán do 1 de abril ao 15 de xuño; e do 1 de setembro ao 16 de novembro
O Concello de Fene divide o cobro da taxa do lixo en dous pagos
A medida facilita o pagamento ante a suba do recibo, condicionada polo incremento dos custos do sistema de tratamento de residuos fixado pola Xunta
27-03-2026
O Concello de Fene acordou dividir o cobro da taxa do lixo en dous pagos, co obxectivo de facilitar o pagamento á veciñanza e facer máis asumible o impacto da recente actualización do recibo.
Deste xeito, establécense dous períodos de pagamento voluntario: o primeiro entre o 1 de abril e o 15 de xuño, e o segundo entre o 1 de setembro e o 16 de novembro.
Desde o goberno local explícase que esta medida responde á vontade de adaptar a xestión tributaria á realidade económica das familias, permitindo repartir o esforzo en dous momentos do ano e evitando unha carga única.
O Concello lembra que a suba da taxa do lixo non é unha decisión discrecional, senón que deriva da aplicación da Directiva europea 2018/851 e da Lei estatal de residuos e chans contaminados, que obrigan ás administracións locais a cubrir o custo real do servizo e a repercutilo na veciñanza.
Estas normativas tamén introducen cambios no modelo de xestión de residuos, penalizando sistemas baseados na incineración e no vertedoiro, como é o caso do sistema empregado por SOGAMA, o que repercute directamente no custo final do servizo.
Desde o Concello de Fene sublíñase que, ante este novo escenario, optouse por aplicar medidas que permitan minimizar o impacto económico na veciñanza, ao tempo que se continúa traballando na mellora do sistema de recollida e na promoción de prácticas máis sostibles.
O goberno municipal anima á veciñanza a facer uso destes prazos fraccionados e lembra a importancia de avanzar cara a un modelo de xestión de residuos máis eficiente e respectuoso co medio ambiente.
Desde o Concello de Fene faise tamén un chamamento á veciñanza a realizar un uso responsable e axeitado dos colectores e do punto limpo, xa que a correcta separación dos residuos e a redución de impropios contribúen a mellorar a eficiencia do sistema. Neste sentido, unha xestión máis sostible e responsable dos residuos permite reducir os custos do servizo a medio e longo prazo, o que pode repercutir positivamente na factura.
