O documento económico consolida as liñas estratéxicas do goberno local en servizos públicos, benestar social e investimento
O pleno do Concello de Fene desestima as alegacións do PP e aproba definitivamente os Orzamentos
20-04-2026
O Concello de Fene celebrou hoxe un pleno extraordinario no que se acordou a desestimación das alegacións presentadas polo Partido Popular aos Orzamentos municipais para o exercicio 2026, quedando así aprobados de maneira definitiva.
Desde o goberno local sublíñase que o documento económico, cun importe superior aos 15,5 millóns de euros, constitúe unha ferramenta clave para garantir servizos públicos eficaces, reforzar as políticas de benestar social e impulsar investimentos no municipio.
Os Orzamentos de 2026 recollen actuacións relevantes en ámbitos como o urbanismo, coa revisión do PXOM; o reforzo dos servizos sociais e das políticas de igualdade; a mellora do mantemento e dos equipamentos municipais; e o avance nas condicións laborais do persoal do Concello.
Desde o Concello de Fene inciden en que a aprobación definitiva deste documento permite dar estabilidade á xestión municipal e avanzar na execución das políticas públicas previstas para este exercicio, co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza e reforzar o desenvolvemento do municipio.
