O XVI Concurso de Tapas de Fene pecha cunha alta participación e xa ten gañadores

Arrecendo e Amarizaflor impuxéronse no veredicto do xurado, mentres que a Cantina da AVV de Limodre conquista o público

O XVI Concurso de Tapas de Fene pecha cunha alta participación e xa ten gañadores

O certame rexistrou máis de 2.500 tarxetas de participación e 225 rutas completas

O Concello de Fene vén de pechar unha nova edición do Concurso de Tapas de Fene, que rematou cun balance moi positivo tanto en participación como en implicación da hostalaría local, consolidándose como unha das citas gastronómicas destacadas no calendario anual.

No apartado de premios do xurado, a tapa campioa foi “Explosión de carrillada”, do establecemento Arrecendo, mentres que o recoñecemento á subcampioa recaeu en Amarizaflor, do local do mesmo nome.

Pola súa banda, na votación popular, a tapa campioa foi “Taco de mar”, da Cantina da AVV de Limodre, mentres que a subcampioa foi novamente a “Explosión de carrillada”, de Arrecendo, confirmando así a boa acollida desta proposta entre o público.

A participación volveu ser un dos aspectos máis destacados desta edición, con 225 Fenerrutas completadas e un total de 2.508 tarxetas de votación recollidas, cifras que amosan o interese da veciñanza por esta iniciativa.

A concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira, valorou moi positivamente o desenvolvemento do certame, sinalando que “estamos ante unha edición que confirma o éxito do Concurso de Tapas como ferramenta de dinamización económica e social”. A edil destacou que “a alta participación tanto da hostalaría como da veciñanza demostra o interese por iniciativas que combinan gastronomía, comercio local e convivencia”.

Desde o Concello de Fene agradecen a implicación dos establecementos participantes e da cidadanía, subliñando que o concurso contribúe a poñer en valor a calidade e a creatividade da hostalaría local, ao tempo que impulsa a actividade económica e a vida social do municipio.