O Concello de Fene avanza nos traballos de roza e limpeza nas distintas parroquias

As actuacións xa se executaron en Perlío, Magalofes, Barallobre e Maniños

O Concello de Fene avanza nos traballos de roza e limpeza nas distintas parroquias

Os traballos continúan actualmente en Fene e Limodre e proseguirán posteriormente en Sillobre

O Concello de Fene continúa desenvolvendo os traballos de roza e limpeza en diferentes puntos do municipio, no marco da planificación anual de mantemento e conservación das vías e espazos públicos.

Na actualidade, as actuacións xa foron executadas nas parroquias de Perlío, Magalofes, Barallobre e Maniños, mentres que nestes días os operarios están a traballar nas parroquias de Fene e Limodre. Unha vez rematadas estas intervencións, está previsto continuar coa parroquia de Sillobre.

Os traballos estanse a realizar mediante roza mecánica con tractor, complementándose posteriormente con repasos manuais realizados con ferramenta específica, co obxectivo de garantir a correcta limpeza das marxes, zonas de difícil acceso e espazos nos que non resulta posible operar con maquinaria pesada.

O concelleiro de servizos, Adán Chao, destacou que “estas actuacións forman parte do traballo continuado de mantemento que se realiza ao longo do ano para garantir unhas condicións axeitadas de seguridade e conservación nos viais e espazos públicos municipais”.

O edil sinalou tamén que “a combinación de medios mecánicos e traballos manuais permite actuar de maneira máis eficaz, chegando a puntos onde a maquinaria non pode acceder e mellorando o resultado final das actuacións”.

Desde o Concello de Fene subliñan que estes traballos contribúen non só á mellora da imaxe e conservación dos espazos públicos, senón tamén á seguridade viaria e á prevención de riscos derivados da acumulación de vexetación nas marxes dos camiños e estradas municipais.