O goberno municipal destina 30.000 euros ao apoio a estes tres eventos de referencia no panorama cultural galego
O Concello de Fene asina os convenios de colaboración co Felicia Pop, FeneRock e Perla Mural Fest
As entidades organizadoras recibirán de maneira anticipada o 70% das achegas para facilitar a preparación dos festivais
04-06-2026
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, o concelleiro de cultura, Justo Ardá, e a concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, reuníronse na Casa do Concello con representantes da A.C. Felicia, Centolos A.C. e da Asociación Perla Mural Fest para formalizar a sinatura dos convenios de colaboración destinados á organización do Felicia Pop Festival, do Fenerock e do Perla Mural Fest, respectivamente.
Os tres convenios suman un importe total de 30.000 euros, distribuídos en 11.000 euros para a A.C. Felicia, 11.000 euros para Centolos A.C. e 8.000 euros para a Asociación Perla Mural Fest.
Con estas achegas, o Concello de Fene pretende apoiar a organización de tres eventos que, grazas á súa traxectoria e á súa capacidade para atraer público e actividade ao municipio, se converteron en referentes consolidados dentro do calendario cultural galego.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “estes festivais son moito máis que unha programación cultural. Son iniciativas que proxectan a imaxe de Fene cara ao exterior, dinamizan a economía local e enriquecen a vida cultural fenesa”. A rexedora agradeceu tamén “o enorme traballo que realizan as entidades organizadoras, sustentado en gran medida polo compromiso e a implicación de numerosas persoas voluntarias”.
Permuy sinalou ademais que “desde o Concello entendemos que apoiar estes eventos é investir en cultura, en participación social e tamén en promoción do noso territorio, porque son actividades que atraen visitantes e contribúen a situar Fene como un referente cultural”.
Os convenios asinados teñen carácter prepagable, o que permitirá ás entidades beneficiarias recibir o 70% da contía asignada inmediatamente despois da sinatura, sen necesidade de agardar á xustificación final da subvención. Esta fórmula facilitará a organización dos festivais e permitirá afrontar con maior tranquilidade os numerosos gastos previos que implican este tipo de eventos.
Desde as concellerías de cultura e promoción económica avanzan ademais que nos vindeiros meses se procederá á sinatura do resto dos convenios correspondentes ás subvencións nominativas previstas para outras entidades do municipio.
O Concello de Fene reafirma así o seu compromiso co tecido asociativo local e co desenvolvemento dunha programación cultural diversa e de calidade, apoiando iniciativas que contribúen á dinamización social, cultural e económica do municipio.
