As actuacións permitirán dotar de rede de saneamento a un grupo de vivendas de Cornide (Maniños) e estabilizar un noiro na rúa Río cádavo
O Concello de Fene licita obras de saneamento e pavimentación en Cornide e a construción dun muro de contención en Perlío
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas até o vindeiro 24 de xuño
05-06-2026
O Concello de Fene vén de sacar a licitación dúas novas actuacións de mellora de infraestruturas municipais, cun investimento conxunto superior aos 190.000 euros, que permitirán avanzar tanto na ampliación da rede de saneamento como na seguridade viaria e na conservación do espazo público.
As empresas interesadas en executar estes traballos poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 24 de xuño, a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.
Novo saneamento e pavimentación en Cornide
A primeira das actuacións corresponde ás obras de saneamento e pavimentación en Cornide, na parroquia de Maniños, cun orzamento base de licitación de 100.312,91 euros. Esta intervención permitirá dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza, xa que existe un grupo de vivendas que actualmente carece de servizo de saneamento.
O proxecto contempla a execución dun colector secundario que recollerá as augas residuais no extremo sur da zona para conectalas coa rede principal existente na rúa Forno. Para facer posible esta actuación foi necesario que o Concello conseguise previamente a cesión dos terreos necesarios para o paso da infraestrutura a través de propiedades privadas.
A nova rede terá unha lonxitude aproximada de 440 metros, nos que se instalará unha tubaxe de 315 milímetros de diámetro, ademais dos correspondentes pozos de rexistro e elementos auxiliares necesarios para o correcto funcionamento da instalación.
Unha vez rematadas as obras de saneamento procederase á reposición e pavimentación dos
viarios afectados.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “esta actuación supón unha mellora moi importante para a calidade de vida das persoas que residen nesta zona de Maniños, xa que permite resolver unha carencia histórica e seguir ampliando a rede municipal de saneamento”. Muro de contención na rúa Río Cádavo.
A segunda actuación corresponde á construción dun muro de contención na rúa Río Cádavo, en Perlío, cun orzamento base de licitación de 90.320,55 euros.
O obxectivo é asegurar un noiro existente e conter os movementos de terras procedentes da
rúa Chancas, mellorando así a estabilidade da zona e a seguridade das persoas usuarias.
Segundo recolle o proxecto técnico, o muro terá unha altura variable ao longo do seu trazado, con tramos que oscilarán entre os catro e os seis metros de altura. A solución construtiva adaptarase ás necesidades de cada punto, executándose un muro de bloques de mampostería vertical nas zonas de menor altura e un muro de gravidade de maior robustez nos puntos onde sexa necesario soportar un maior volume de terras.
Sandra Permuy sinalou que “esta intervención permitirá resolver un problema de estabilidade que preocupaba á veciñanza tras o derrubamento acontecido tempo atrás, garantindo unhas mellores condicións de seguridade nunha zona que presenta unha importante diferenza de cota”.
A alcaldesa subliñou que ambas actuacións “forman parte do compromiso do goberno municipal coa mellora continua das infraestruturas e dos servizos públicos, atendendo necesidades concretas que teñen unha repercusión directa na vida diaria da veciñanza”.
Desde o Concello de Fene destacan que estes proxectos se enmarcan na planificación municipal de mellora das infraestruturas básicas e na aposta por avanzar nun concello dotado de mellores servizos públicos.
