Fene súmase á iniciativa da Secretaría Xeral de Lingua para favorecer a integración da nova poboación galega

Persoal do Concello de Fene participou na xornada de formación para a posta en macha dos cursos de introdución á lingua e á cultura galegas

Fene súmase á iniciativa da Secretaría Xeral de Lingua para favorecer a integración da nova poboación galega

O Concello de Fene xa dispón do material didáctico á espera da convocatoria das dúas quendas

Persoal do Concello de Fene participou nas II Xornadas de Formación do Curso de Introdución á Lingua e á Cultura Galegas, unha iniciativa impulsada pola Secretaría Xeral da Lingua co apoio da Rede de Dinamización Lingüística.

A xornada, celebrada en Santiago de Compostela, serviu para preparar aos concellos que acollerán esta proposta formativa, dirixida á poboación non nacida en Galicia co obxectivo de favorecer a súa integración, participación e inclusión sociocultural.

A participación do Concello de Fene permitiu, ademais, reforzar a coordinación co resto das administracións implicadas e compartir experiencias co profesorado e co persoal técnico de outros concellos, fortalecendo así unha rede comprometida coa promoción do galego como elemento de inclusión social e cultural.

Dúas convocatorias até 2027


O programa formativo estrutúrase en cinco unidades temáticas e combina contidos de fonética, gramática, léxico de uso cotián e cultura galega, incluíndo tamén unha aproximación á historia da lingua. Trátase dun curso deseñado cun enfoque gradual e práctico, que busca facilitar a comunicación e a integración activa na sociedade.


O Concello xa dispón do material didáctico necesario para desenvolver os cursos, á espera da convocatoria oficial por parte da Secretaría Xeral da Lingua. Está previsto que a formación se desenvolva en dúas quendas, unha entre os meses de xullo e outubro deste ano e outra entre xaneiro e abril de 2027.


Con esta iniciativa, o Concello de Fene pretende contribuír á creación dun espazo de acollida lingüística e cultural para as novas galegas e galegos, facilitando o achegamento á lingua propia e ao coñecemento da realidade histórica e cultural do país.