O baleirado previo da infraestrutura permitirá retirar con maior eficacia os lodos e sedimentos acumulados
O Concello de Fene acometerá en agosto a limpeza do cubo do muíño do Parque Lineal do río Cádavo
O goberno local fai un chamamento á veciñanza para evita o vertido de residuos neste espazo patrimonial e ambiental
22-07-2026
O Concello de Fene acometerá durante a segunda semana do mes de agosto a limpeza integral do cubo do muíño situado no Parque Lineal do río Cádavo, dentro das actuacións periódicas de conservación e mantemento do patrimonio hidráulico e dos espazos públicos municipais.
Como paso previo a estes traballos, o Concello procedeu xa ao baleirado do cubo, unha actuación imprescindible para facilitar a retirada dos lodos, sedimentos e demais materiais acumulados no fondo. Este proceso permite que os depósitos perdan humidade durante varios días, facendo posible unha intervención máis rápida, segura e eficaz tanto para o persoal como para a maquinaria que participará na limpeza.
A actuación está prevista para a segunda semana de agosto, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables, e permitirá recuperar a capacidade hidráulica do cubo, mellorar o seu estado de conservación e garantir o correcto mantemento deste elemento patrimonial integrado nun dos espazos de esparecemento máis frecuentados do municipio.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “o Parque Lineal do río Cádavo é un dos espazos máis utilizados pola veciñanza para pasear e desfrutar da natureza, polo que resulta fundamental realizar un mantemento periódico tanto do seu patrimonio como das infraestruturas que o conforman”. A rexedora subliñou que “esta actuación permitirá conservar un elemento de gran valor histórico e ambiental, garantindo o seu bo estado”
Permuy lembrou ademais que “o coidado destes espazos é unha responsabilidade compartida entre a administración e a cidadanía. Manter limpo o parque e evitar o vertido de residuos é a mellor maneira de preservar este patrimonio para as xeracións futuras”.
Durante a execución dos traballos poderán producirse pequenas molestias puntuais na contorna, polo que o Concello agradece de antemán a comprensión da veciñanza.
Desde o Goberno municipal faise tamén un chamamento á responsabilidade cidadá para evitar o depósito de residuos no cubo do muíño e no leito do río. Nas sucesivas limpezas realizadas detectouse a presenza de plásticos, latas, botellas, envases, restos de madeira e outros residuos sólidos que dificultan considerablemente as tarefas de mantemento, incrementan os custos da intervención e provocan un importante impacto ambiental.
O Concello lembra que a conservación dos espazos públicos depende tamén da colaboración da veciñanza. Xestos tan sinxelos como utilizar as papeleiras e os colectores adecuados contribúen a protexer o patrimonio natural e a manter en boas condicións un espazo do que desfrutan diariamente centos de persoas.
Con esta actuación, o Concello de Fene reafirma o seu compromiso coa conservación, limpeza e posta en valor do patrimonio histórico e ambiental, garantindo que o Parque Lineal do río Cádavo continúe sendo un lugar de encontro, lecer e natureza para toda a veciñanza.
