Fene estrea o seu primeiro “Faladoiro”, un novo espazo urbano pensado para o encontro e a convivencia

A iniciativa, impulsada desde a área de igualdade, recupera espazos públicos para fomentar a relación entre a veciñanza

Fene estrea o seu primeiro “Faladoiro”, un novo espazo urbano pensado para o encontro e a convivencia

O primeiro Faladoiro está situado na Avenida Naturais de Fene e o Concello prevé crear novos puntos noutras zonas do municipio

O Concello de Fene vén de instalar o primeiro Faladoiro, unha nova iniciativa coa que pretende recuperar pequenos espazos urbanos para convertelos en lugares de encontro, descanso e conversa entre a veciñanza.

O primeiro destes espazos está situado na Avenida Naturais de Fene, nun punto especialmente frecuentado, e nace coa vocación de ofrecer un lugar cómodo e agradable onde facer unha pausa, compartir unha conversa ou simplemente desfrutar da contorna. A presenza de sombra e dun mobiliario pensado para favorecer a estancia converten este novo espazo nun punto de encontro aberto a persoas de todas as idades.

A actuación está impulsada desde a área de igualdade e intégrase na aposta municipal por crear espazos públicos máis accesibles e pensados para as persoas. Ademais, os Faladoiros incorporan elementos identificativos que reforzan a mensaxe de igualdade que o Concello promove nos espazos públicos.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “os Faladoiros nacen cunha idea moi sinxela pero moi necesaria: recuperar o espazo público como lugar de encontro entre as persoas”. A rexedora explicou que “queremos que as rúas e prazas non sexan só lugares de paso, senón tamén espazos onde sentarse, conversar, descansar e fortalecer as relacións entre a veciñanza”.

Permuy sinalou ademais que “esta iniciativa encaixa coa nosa maneira de entender o urbanismo, poñendo ás persoas no centro e creando espazos máis humanos e acolledores”. Neste sentido, avanzou que “o Faladoiro da avenida Naturais de Fene é o primeiro dunha rede que iremos ampliando progresivamente noutras zonas do municipio, recuperando pequenos recunchos urbanos para darlles un novo uso social”.

Desde o Concello destacan que esta actuación forma parte da estratexia municipal para mellorar a calidade dos espazos públicos, fomentando a convivencia, a igualdade e a creación de lugares que favorezan a vida comunitaria. O obxectivo é estender progresivamente esta iniciativa a diferentes parroquias, creando novos Faladoiros adaptados ás características de cada contorna.