Fene amplía a compostaxe de biorresiduos coa instalación de 35 composteiros e unha illa comunitaria en Perlío

A nova área de compostaxe de Perlío conta con tres módulos para residuos orgánicos, caixón de estruturante e persoal formado para o seu seguimento

Fene amplía a compostaxe de biorresiduos coa instalación de 35 composteiros e unha illa comunitaria en Perlío

A actuación complementa a entrega de 35 composteiros individuais e está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Galicia FEDER 2021-2027

O Concello de Fene continúa coa implantación de novos sistemas para a separación e tratamento en orixe dos residuos orgánicos coa posta en funcionamento dunha illa de compostaxe comunitaria nas vivendas do Castro, en Perlío. A actuación complementa a campaña iniciada recentemente para distribuír 35 composteiros individuais entre vivendas do municipio que dispoñan de parcela ou horta.

A nova área comunitaria foi acondicionada nunha parcela municipal e conta con tres módulos para a achega de residuos orgánicos, un caixón para o material estruturante e cartelaría informativa sobre o funcionamento do sistema e o proceso de compostaxe. Os traballos incluíron tamén o acondicionamento do espazo e a correspondente acometida de auga.

A concelleira de medio ambiente, Cristina García, explicou que “coa illa do Castro incorporamos a compostaxe comunitaria como unha alternativa para aquelas familias que non dispoñen dunha parcela propia na que instalar un composteiro individual”. Segundo sinalou, “o principio é o mesmo: separar a materia orgánica no lugar no que se produce e transformala en compost, reducindo a cantidade de residuos que teñen que entrar no sistema convencional de recollida e tratamento”.

O funcionamento da illa contará ademais co seguimento en colaboración co persoal de ASPANEPS formado en compostaxe, que se encargará de tarefas como a incorporación do material estruturante e o correcto acondicionamento dos composteiros, así como de prestar asistencia ás familias usuarias e resolver as dúbidas que poidan xurdir durante o proceso.

“Non se trata unicamente de instalar os módulos. Para que a compostaxe comunitaria funcione correctamente é importante facer un seguimento e, sobre todo nas primeiras fases, acompañar ás persoas usuarias para explicar que residuos se poden depositar, como se realiza o proceso e resolver calquera incidencia”, indicou Cristina García.

Compostaxe doméstica e comunitaria

A actuación no Castro forma parte da mesma liña de traballo na que se enmarca a recente campaña municipal para a entrega gratuíta de 35 composteiros individuais de 400 litros, dirixida principalmente a vivendas que dispoñan de horta ou parcela. Nese caso, inclúense dúas visitas, unha para a entrega e outra de seguimento e aclaración de dúbidas.

Deste xeito, combínanse dous modelos adaptados ás características residenciais de Fene: a compostaxe doméstica, na que cada familia xestiona os seus propios biorresiduos na súa parcela, e a compostaxe comunitaria, que permite compartir unha mesma instalación entre diferentes fogares.

A alcaldesa, Sandra Permuy, sinalou que “o obxectivo destas actuacións é facilitar á veciñanza diferentes posibilidades para separar e aproveitar a materia orgánica, adaptando o sistema ás características de cada zona e de cada tipo de vivenda”.

Permuy destacou tamén a importancia da información e do acompañamento durante a implantación destes sistemas. “A compostaxe require unha pequena adaptación dos nosos hábitos domésticos, polo que é importante que as persoas que participan conten con información clara e teñan a quen dirixirse cando xurda algunha dúbida. Esa é tamén unha parte fundamental deste programa”, apuntou.

Unha actuación cofinanciada con fondos europeos

A implantación da compostaxe doméstica e comunitaria en Fene conta co apoio da Consellsría de Medio Ambiente e Cambio Climático, ao abeiro das axudas destinadas ás entidades locais de Galiza para financiar actuacións dirixidas a incrementar a ecoeficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal.

A actuación está cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027, cunha taxa de cofinanciamento do 60 % do gasto elixible para o ano 2026.

En concreto, ao Concello de Fene foille concedida unha axuda dentro da Liña 3, destinada á compostaxe doméstica ou comunitaria, para ampliar a implantación territorial e mellorar a separación e reciclaxe en orixe dos biorresiduos mediante compostaxe in situ. O proxecto conta cun orzamento total subvencionable de 18.691,39 euros.

Dentro da mesma convocatoria, o Concello obtivo tamén financiamento na Liña 7 para proxectos de dixitalización, cun custo subvencionable de 15.000 euros sobre un orzamento total de 17.908 euros. Esta segunda actuación está orientada á dixitalización necesaria para avanzar no establecemento dunha taxa diferenciada e específica do servizo de xestión dos residuos municipais e cara a sistemas de pagamento por xeración.