A actuación permitirá completar o traslado á nova fase de concesións situadas en nichos antigos que presentaban un importante estado de deterioro
Fene licita por 130.900 euros máis IVE o revestimento e as lápidas para 34 frontes de nichos no cemiterio municipal
O Concello de Fene asumiu o traslado e adecuará agora os novos frontes buscando unhas condicións o máis similares posibles ás que presentaban anteriormente
09-11-2026
O Concello de Fene vén de sacar a licitación por 130.900 euros máis IVE a subministración, gravación e colocación dos revestimentos e lápidas correspondentes a 34 frontes de nichos estruturados en columnas no cemiterio municipal. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 18 de novembro.
A actuación está vinculada ao traslado de concesións desde unha zona de nichos antigos á nova fase executada polo Concello. O importante estado de deterioro que presentaban os nichos orixinais fixo necesario realizar este traslado e, debido ás condicións nas que se atopaban as lápidas e outros elementos, non resultaba posible a súa reutilización.
O Concello de Fene asumiu o traslado ao tratarse de nichos que se atopaban en réxime de concesión e agora completará o proceso coa instalación dos novos frontes, procurando reproducir unhas condicións e acabados o máis similares posible aos que tiñan anteriormente.
A alcaldesa, Sandra Permuy, e o concelleiro de contratación, Manuel Polo, visitaron o cemiterio para revisar a zona na que se desenvolverá unha actuación que abrangue tanto a fabricación das pezas como a súa gravación, montaxe e colocación.
Sandra Permuy explicou que “estamos dando continuidade a un traslado que foi necesario realizar polo estado no que se atopaban os nichos antigos. O Concello asumiu ese proceso e agora asumirá tamén a colocación dos novos revestimentos e lápidas, xa que os elementos orixinais non estaban en condicións de ser reutilizados”.
A alcaldesa incidiu especialmente en que “falamos de concesións que xa existían e dun asunto especialmente sensible para as familias, polo que se busca que o traslado á nova fase se complete cunha adecuación o máis semellante posible á situación que tiñan anteriormente”.
Tres lápidas por cada fronte
O contrato contempla a execución completa de 34 frontes de pedra, cada un deles correspondente a unha columna de tres nichos. O revestimento estrutural realizarase en granito Labrador Claro de tres centímetros de espesor, mentres que para as portas, lápidas e diferentes elementos ornamentais se empregará granito Negro Sudáfrica de dous centímetros.
Cada fronte contará con tres portas ou lápidas abatibles, ademais dos correspondentes elementos de ornamentación. O deseño previsto incorpora unha xardineira na porta inferior, unha capela na central e, na superior, a gravación dos apelidos da familia e unha cruz ornamental.
O conxunto completarase cun elemento inferior coa inscrición D.E.P. e dúas anelas, así como cun remate superior de configuración triangular. O contrato abrangue a subministración e elaboración das diferentes pezas, a súa personalización mediante os correspondentes gravados e a posterior montaxe e colocación no cemiterio.
Tal e como recollen os pregos, os elementos estruturais (columnas, andanas, linteis e zócalos) realizaranse en granito Labrador Claro e incorporarán ancoraxes de latón para a súa fixación ao cemento. Nos casos nos que resulte necesario, a empresa adxudicataria deberá tamén adaptar os machóns para garantir unha correcta suxeición do conxunto.
O concelleiro de contratación, Manuel Polo, sinalou que “o prego define con detalle tanto os materiais como os sistemas de montaxe e fixación, porque non estamos ante unha simple subministración de lápidas, senón ante a execución completa de cada fronte, incluíndo os revestimentos, os elementos ornamentais, a cerraxería e os gravados correspondentes”.
Materiais preparados para a exposición á intemperie
O prego presta especial atención á resistencia dos diferentes elementos, tendo en conta a súa exposición permanente ás condicións meteorolóxicas. As bisagras, peches e demais compoñentes metálicos serán de aceiro inoxidable con acabado pulido e deberán cumprir as especificacións establecidas para garantir a súa durabilidade e o correcto funcionamento das portas de granito.
As bisagras fabricaranse especificamente para a instalación, con pezas mecanizadas e soldadura TIG, mentres que os sistemas de peche estarán tamén realizados integramente en aceiro inoxidable.
Polo explicou que “as características técnicas buscan garantir unha correcta instalación e unha adecuada durabilidade dos materiais, tendo en conta que se trata de elementos que permanecerán permanentemente á intemperie e que deben soportar esas condicións durante anos”.
Pola súa banda, Sandra Permuy destacou que “o obxectivo é completar este proceso co coidado que require unha actuación destas características e que as familias afectadas dispoñan novamente duns frontes correctamente acondicionados nos nichos aos que foron trasladadas as concesións”.
O contrato establece un prazo de dous meses desde a súa formalización para completar a subministración, gravación e instalación dos 34 frontes. Ademais, os traballos e materiais contarán cunha garantía de tres anos.
As empresas interesadas teñen de prazo ata o 18 de novembro para presentar as súas ofertas, tras o que continuará o correspondente procedemento de contratación para poder executar a actuación no cemiterio municipal.
