Fene hoxe

Inicio   Fene hoxe
08-01-2024

O mural realizado por SFHIR en Fene, candidato a ser o mellor do mundo

 Un mural realizado en Fene no marco da primeira edición do Perla Mural Fest aspira a ser o mellor do mundo. Trátase da obra realizada polo artista madrileño SFHIR na fachada dun edificio de nove andares situado no número 64 da Rúa da Fraga, e representa unha muller tocando o violonchelo.
A obra situada en Fene é o mural vertical máis grande da carreira de SFHIR, quen soubo adaptar a forma do edificio -que conta cun pozo de luz- á idea que quería plasmar. Coa noite, cando a veciñanza do edificio acende a luz das escaleiras, ilumínanse os trastes do violonchelo, o que fai que o mural semelle cobrar vida.
09-09-2023

Fene sabe a mar

A campaña promovida pola Consellería do Mar, Galicia sabe a mar, para promocionar os produtos do mar en poñer en valor o labor das persoas profesionais da pesca e do marisqueo, aparcará a súa foodtruck en Fene o vindeiro luns 11 de setembro. Todas aquelas persoas interesadas en degustar de balde petiscos  realizados con produtos do mar e da terra galegos deberán achegarse á Praza Alcalde José Ramón Souto González de 12:00 a 15:00 e de 18:00 a 21:00.
11-08-2023

O Perla Mural Fest festexa mañá sábado o remate do festival

Mañá sábado 12 de agosto, as pistas do C.C.R.D. Perlío acollerán ao longo de toda a xornada un evento para festexar o remate do gran traballo realizado polos/as artistas participantes no @perlamuralfest.

A programación prevista é: 
A partir das 13:00h sesión vermú co grupo "Los Junkos" @losjunkos
A partir das 22:30h concerto do grupo "SINTROM" @sintrom_ni_sonSorteo de estuche Bodegas Barral
Fin de Festa con "DJR4TIBRÓN"
08-06-2023

O Concello de Fene estará este sábado, 10 de xuño, na sexta edición da feira Primavera no Camiño Inglés

O Concello de Fene estará representado nesta sexta edición de Primavera no Camiño Inglés cun stand no que se achegará información turística aos visitantes. Ademais, ás 11.00 horas, está prevista unha actuación da Banda Xuvenil de Airiños de Fene. 
08-06-2023

Fene acolle este sábado 10 de xuño unha nova edición da súa Fashion Night

Ás 18.00 h arrincará esta nova edición da Fashión Night de Fene na que as persoas que se acheguen a mercar nos establecementos comerciais participantes poderán beneficiarse de importantes descontos e sorteo. Outros atractivos do evento serán os desfiles de moda, as sesións de animación pola rúa, os talleres infantís e a música.
O evento está organizado pola asociación de comercio, hostalería e servizos O Cruceiro coa colaboración do Concello de Fene.
 
05-05-2023

O sábado 6 de maio, Encontro de Lavandeiras de Sillobre

Un día no que renderemos homenaxe ás antigas lavandeiras e reviviremos como era o lavado máis ancestral na parroquia de Sillobre no século XIX. Xornada cargada de historia e tradición. Con obradoiros de arte en vivo, xogos populares para as crianzas, música e baile. As persoas asistentes pregamos teñan en conta as restriccións no tráfico Actividade organizada polo S.C.R.D. Agarimo de Sillobre coa colaboración do Concello de Fene.
25-04-2023

12 establecementos participan no XIII Concurso de Tapas de Fene

Fene converterase durante as tres primeiras fins de semana de maio na capital dos sabores da comarca. E é que os venres, sábados e domingos entre o 5 e o 21 de maio vai desenvolverse a 13ª edición do concurso de petiscos no que este ano se inscribiron un total de 12 establecementos hostaleiros do municipio. Hai dúas categorías: tapa creativa, con catro locais inscritos, e tapa tradicional, coa que se presentan os oito establecementos restantes. Todas elas preparadas con mimo e con produto da máxima calidade procedente do mar e a terra que nalgúns casos se combinan para abraiar os padais máis exquisitos. Tanto os establecementos como o público optarán a unha chea de premios tamén apetitosos.
23-03-2023

430 amantes dos bolillos de 52 agrupacións participarán este sábado na Xuntanza de Palilleiras de Fene

Fene será o sábado a capital indiscutible do encaixe. Unha arte tradicional que goza dunha saúde estupenda en toda Galicia, tal e como testemuña o alto número de inscricións rexistradas para a Xuntanza de Palilleiras que se celebrará durante toda a xornada no Pavillón da Xunqueira. No espazo reuniranse desde as 10:30h un total de 430 persoas para compartir tempo de aprendizaxe e mostraren a súa habilidade cos bolillos e o fío, de onde saen obras primorosas por si mesmas ou como remate exquisito de pezas de roupa -camisas, saias, chaquetas etc.-, pero tamén de panos, manteis, sabas e outros enxovais. O evento regresa despois de tres anos de parón pandémico cunha elevada participación de artesás e artesáns pertencentes a 52 escolas de toda Galicia, ademais de contar coa presenza dunha vintena de postos relacionados co mundo do tecido.
30-08-2022

O comercio de Fene reedita esta fin de semana o seu outlet de verán

Todo preparado para o Outlet do verán, no que ao redor de 26 establecementos de Fene ofrecerán durante toda esta fin de semana unha chea de oportunidades para facerse con todo tipo de artigos a prezos imbatibles. Será unha edición do Outlet organizado polo Concello de Fene, coa que se quere darlle saída ao stock estival, pero tamén axudar á reactivación económica de moitos pequenos negocios.

O Outlet de Fene desenvolverase o venres e o sábado de 10 a 14.00h e de 16.30 a 20.30h e o domingo entre as 10 e as 14.00h.  No evento poderán conseguirse todo tipo de artigos, con rebaixas que nalgúns casos poden chegar até un 70%.
23-08-2022

Maniños recupera este domingo a Romaría do Pote

  A Romaría do Pote e o Festipote, en Maniños, eran antes da pandemia cita obrigada no calendario estival. A entidade promotora, a ACRD O Pote, leva desde finais de 2021 recuperando o pulso cultural da parroquia con múltiples actividades -Facer Memoria con Paula Carballeira, un Entroido a primeiros de abril, as Letras Galegas, a sardiñada do San Xoán, a Festa da Ameixa...- e agora chégalle a quenda á súa tradicional romaxe das merendadas e a música, que se celebrará este domingo 28 de agosto.

Desde a entidade convidan a degustar mexillóns desde as 12:30h e a buscar un recuncho para xantar e pasar a xornada, que nesa primeira parte do día estará animada polo grupo Os Xotas.

Como viña sendo habitual, o serán e a noite estarán dedicados á música galega coa actuación de Tanto nos ten, de Tiruleque e, como peche, da Mekánika Rolling Band.

A asociación cultural conta con apoio do Concello de Fene e da Deputación da Coruña para organizar o evento, que promete ser ben animado e concorrido trala pausa obrigada de 2020 e 2021.
1 2 3 4 56 >>