Fene homenaxea este sábado ás lavandeiras de Sillobre recreando o seu sacrificado traballo

Inicio   Fene hoxe  

O encontro acada a súa quinta edición baixo a organización da SCRD Agarimo e coa colaboración de Concello, Mesturas, AVV Sillobre e Airiños de Fene

Encontro lavandeiras. Imaxe de arquivo

Fene celebrará este sábado, 5 de maio, a quinta edición do Encontro das Lavandeiras de Sillobre. Unha auténtica homenaxe ás veciñas que realizaban este sacrificado traballo. E non hai mellor tributo que recuperar a súa memoria, dar a coñecer o seu traballo e perpetuar ese coñecemento no tempo para as futuras xeracións. De aí, a celebración desta cita, que na mañá de onte presentaban na Casa do Concello José Sardiña Basoa, presidente da SCRD Agarimo; Ángeles Redondo e Fina Torrado, en representación das Lavandeiras; o concelleiro de Turismo, Juan José Franco, e o alcalde de Fene, Gumersindo Galego.


Todos eles coincidían á hora de convidar a veciños e visitantes a esta singular cita, xerme de eventos similares noutros puntos da xeografía galega, coa que se quere recuperar e pór en valor o traballo das lavandeiras e, ó mesmo tempo, promocionar a parroquia como destino.

O encontro arrancará ás 13 horas cunha misa na honra das lavandeiras e, a continuación, celebrarase un xantar no que teñen confirmada a súa participación arredor de 200 persoas. Será pola tarde cando comece a recreación de todo o proceso que no século XIX levaban a cabo as lavandeiras de Sillobre nunha intensa semana de traballo. Dende a súa viaxe a Ferrol en lancha cos cestos de roupa limpa ata o seu regreso a Fene coa roupa para lavar, ata viaxe en carros ata os lavadoiros e o proceso de lavado, clareo, secado. Así, ás 16,30 h partirá dende Perlío e ata a cidade naval a lancha coas lavandeiras. Regresarán sobre as 17,30 h e, ás 18 h, iniciarán a subida a pé ata Sillobre. A partir das 19,30 horas, recrearase o lavado propiamente dito. O público que acuda tamén poderá disfrutar de diferentes obradoiros de artesáns, que mostrarán a súa técnica en directo: fiandeiras, zoqueiras, alfafeiros… e abundarán as actividades para os máis pequenos da casa (dende obradoiros de elaboración de pan ata plantacións de árbores). Ás 22,30 h comezará o Festival Folk con Airiños de Fene e Lenda Ártabra (entrada gratis para os socios e de dous euros para os que non gocen desta condición). E, durante toda a xornada, estará a disposición do público unha mostra fotográfica con edicións precedentes do encontro.


A cita, organizada pola SCRD Agarimo, conta coa colaboración do Concello, Mesturas, AVV Sillobre e Airiños de Fene.


A presentación desta mañá serviu para lembrar os inicios, hai cinco anos, dun encontro concebido nos seus orixes como unha actividade puntual, pero que a gran aceptación suscitada levou a reeditar a partir de entón. Destacaban tamén a ilusión, empeño, traballo e implicación da veciñanza, así como o apoio do Concello e da entidade Mesturas. Así mesmo, a celebración, engadían, tivo a súa propia orixe no río: o río falou, moveu unhas pedras e descubriu uns panos e, a partir de aí, xurdiu este encontro. Un encontro ó que está convidada toda a veciñanza.

Ligazóns