En 1920 Don Andrés Rey Echevarria, residente en Cuba, visita Maniños atopándose coas reducidas dimensións do campo da festa. Ao retornar ao Caribe propón a tarefa de recadar fondos para mercar uns terreos que se destinarían ao campo da festa. Así é como nacen os alicerces do que remataría por ser a Sociedade de Amigos das Arbores.
No ano 1923 un grupo de veciños de Maniños adquiriu seis ferrados da terra no lugar do Pombal, constituíndo o embrión das actuais propiedades da A.C.R.D. O Pote. Os promotores recorreron a parroquia solicitando colaborazón económica para habilitar un campo da festa.
No seu nacemento a sociedade O Pote denominouse “Sociedad de Amigos de los Arboles de la parroquia de Maniños”. En novembro do 1925 formase a primeira directiva presidida por Andrés Rey Echevarria e composta por Emilio González, Juan Bello, Manuel Vizoso, Luís Permuy, Manuel Otero, Rogelio Ufort, Antonio Aguilar, Antonio Amenedo, Ramón Nieto e José González. Como acto fundacional plantaron 70 arbores de distintas especies.
A entidade celebrou no ano 1927 a Primeira Festa da Arbore. En 1928 a sociedade realiza unha nova plantazón de arbores, organizando a segunda festa. Nese ano mercan unha parcela de terreo colindante coa propiedade, co obxectivo de adicala a viveiro de distintas especies. Ademais encargáronse da organizazón das festas da parroquia.
A Romaría do Pote comezou a celebrarse en 1933. Aquel mesmo ano en agosto a asemblea de socios acordou ceder a recaudazón das barracas dos festexos patronais en favor da festa enxebre ou Romaría que se ía organizar ao mes seguinte. A primeira edición da Romaría do Pote foi un éxito de participazón. A asemblea de socios en xuño do 1934 acorda apoiar a continuidade desta festa, trasladándoa para o mes de xullo.
Nos anos da guerra civil quedan disoltas por orde ministerial todas cantas sociedades veñen existindo con carácter publico. O Pote tamén se disolve practicamente, e non volve formarse unha nova xunta directiva até febreiro de 1951. José Penedo Allegue, Domingo Abelleira e José Pena Sardiña presidirán a entidade entre os anos 1951 e 1965.
Nos anos 70 os veciños de Maniños retomaron con interese o impulso asociativo, reanudando as obras do local social da sociedade, local que fixo crecer a labor da sociedade por permitir o aumento de actividades.
O Pote converteuse nun referente organizando un gran número de actividades. Entre elas cabe destacar “ As Xornadas de Música Galega” celebradas os primeiros anos da década dos 80 que se realizaron no campo de fútbol onde se puideron ver aos grupos mais importantes do cenario galego da época
Ao mesmo tempo a sociedade contaba con unha sección deportiva que contaba con equipos en varias disciplinas (balonmán, fútbol sá, chave..) que competiron a diferentes niveis. Cabe destacar a gran labor levada polos equipos da balonmán do Pote que acadou grandes resultados incluíndo campionatos galegos.
No ano 1987 O Pote creou unha Coral Polifónica.
Na actualidade O Pote conta con varias escolas culturais e a Coral Polifónica que acaba de gravar o seu primeiro cd para celebrar o seu 20 aniversario.