A Concellería de Medio Ambiente de Fene e o Grupo Soil promoven unha campaña de concienciación nos centros escolares de Fene coa convicción da necesidade de seguir mellorando os índices de reciclaxe de Fene e diminuir a cantidade de residuos que se envían para xestión en vertedoiro.
O principal obxectivo das charlas que se están a impartir nos centros escolares de Fene consiste en concienciar e implicar aos máis pequenos na correcta separación de residuos dos distintos colectores de reciclaxe:
- Iglú verde para os envases de vidro
- Colector amarelo para envases de plástico, envases metálicos e envases tipo brick
- Colector azul destinado a envases de papel e cartón
Entre os escolares faise especial fincapé sobre a importancia da correcta separación de residuos e o fomento da estratexia das 3R: reducir, reutilizar e reciclar dunha forma dinámica e participativa para que coñezan de primeira man as vantaxes ambientais, sociais e económicas dunha correcta recollida selectiva de residuos. En última instancia trátase de que fomenten esta actitude responsable entre os maiores do seu fogar.
Adicionalmente, introdúcese aos nenos en conceptos como a compostaxe ou os puntos limpos que forman parte xa dunha correcta xestión dos residuos. Para iso, ademais da dinámica do taller, facilítase a nenos e profesores participantes información adaptada para aclarar dúbidas e facer posible que a correcta separación de residuos continúe nas súas casas, máis aló da charla impartida no centro escolar.