Fene convoca a contratación de sete persoas desempregadas
10-07-2017
As solicitudes para participar no proceso selectivo poden presentarse até o venres
Fene participa neste 2017 no Programa de Integración Laboral impulsado pola Deputación da Coruña no marco do Plan de Emprego Local 2016-2019, co que se pretende dinamizar a economía e xerar emprego nos municipios da provincia
Ao Concello correspondéronlle 52.000 euros cos que se contratarán 7 persoas en situación de desemprego e pertencentes a algún colectivo con especial dificultade para atopar traballo. A convocatoria abriu o pasado luns e as solicitudes para participar no proceso selectivo poden presentarse até este venres 14 de xullo. Os postos cubriranse mediante concurso oposición e os contratos das persoas seleccionadas serán dun 74% da xornada durante 4 meses. Esta convocatoria pública é unha das 10 emprendidas recentemente polo Concello para cubrir alomenos 20 postos de traballo en distintos departamentos.
Os perfís laborais do PIL son os de 6 persoas para ocupar postos de peonaxe de obra e, a maiores, unha coa categoría de oficial ou oficiala en albanelaría. Sete persoas en total que lle darán apoio á brigada municipal de obras facendo tarefas de todo tipo dentro das permitidas polo programa provincial, como poden ser os labores de limpeza viaria, os de mantemento de parques e outras pequenas actuacións relacionadas con servizos públicos.
A propia convocatoria da Deputación indica cales son os requisitos do persoal que poden contratar os concellos. Neste sentido cómpre que as persoas aspirantes estean desempregadas e nalgunha situación das denominadas de exclusión laboral. Por exemplo, ser maiores de 45 anos, levar en desemprego máis de 2 anos, ter un grao de discapacidade igual ou superior a un 33%, ser muller, ser vítima de violencia de xénero, non ter fogar, pertencer a unha familia onde ninguén ten traballo, vivir nun fogar monoparental, etc.
A Deputación tamén apunta nas bases que nos procesos de contratación “valorarase como mérito” ter finalizado favorablemente programas de capacitacón, formación e integración no mercado laboral organizados e/ou financiados polas Administracións Públicas.
O Programa de Integración Laboral é unha liña específica para municipios de menos de 20.000 habitantes dotada con 3 millóns de euros para esta anualidade que se distribuirán entre 82 concellos. Fene entrou no módulo con contía máxima xunto con Rianxo, Betanzos, Ordes, Sada, Teo e Boiro, aos que lles corresponde unha achega de 52.000 euros para cubrir os custos dos contratos -salarios, seguridade social, formación en PRL e indemnización por fin de contrato-.
O prazo para presentación de instancias está aberto desde o pasado luns 3 de xullo e prolongarase até este venres. O Concello tiña previsto inicialmente solicitarlle ao Servizo Público de Emprego de Galicia un listado de aspirantes entre os que facer a selección. Porén, ao final optou por unha convocatoria pública que se resolverá mediante concurso oposición.
"É habitual que os concellos, sobre todo os máis pequenos, lle pidan ao SPEG que faga unha primeira escolma de aspirantes entre os que facer despois a selección. É algo habitual e totalmente legal que permite axilizar todo o proceso. Sen embargo, tanto neste como noutros casos que se siguen no Concello para cubrir vacantes e elaborar listas de contratación, optamos por unha convocatoria pública e por un concurso oposición de cara a ser extremadamente respectuosos coa transparencia e coa igualdade de oportunidades", explica Juventino Trigo.
O rexedor local lembra que nestes momentos están iniciados -ou rematados hai escasos días- unha unha decena de procesos para cubrir 20 postos de traballo ou crear listas de sustitución en distintos servizos municipais, como é o caso da brigada antiincendios forestais, a área de urbanismo, a biblioteca, o servizo de axuda no fogar, o departamento de obras ou o deste programa provincial.
Na fase de concurso do Plan de Integración Laboral valoraranse a experiencia profesional -4 puntos-, a formación -3 puntos- e estar en posesión do carné de conducir -1 punto-. Para a oposición realizarase unha proba teórica que poderá outorgar 5 puntos e unha práctica mediante a que se poderán obter ata un máximo de 7. O proceso selectivo tamén prevé unha proba de galego oral da que estarán exentas as persoas que acrediten o coñecemento da lingua mediante a presentación do CELGA 1 ou equivalente.