Obras e Servizos apela á colaboración veciñal para xestionar os voluminosos e evitar a proliferación de vertedoiros incontrolados

Obras e Servizos apela á colaboración veciñal para xestionar os voluminosos e evitar a proliferación de vertedoiros incontrolados

Fene interrompeu esta mesma semana o servizo de recollida de voluminosos. Unha medida adoptada por cuestións de hixiene pública e tamén de optimización de recursos de cara a centrar o persoal en tarefas máis urxentes, como por exemplo a desinfección de espazos e mobiliario urbano.  Porén, e a pesar da suspensión da recollida, ao carón dos colectores seguen aparecendo tanto mobles e obxectos que si estarían encadrados dentro dos "voluminosos" como outros residuos que xa antes, cando o servizo funcionaba con normalidade, non deberían deixarse na rúa. Neste sentido, desde a Concellaría de Obras e Servizos vólvese apelar á responsabilidade e á colaboración da veciñanza para que non se bote fóra todo o vello que hai nas casas, pero tamén para evitar a proliferación de vertedoiros incontrolados onde se están tirando restos de pequenas obras e outros resíduos perigosos para o ambiente.
 
Un dos efectos colaterais do confinamento é a ansia que se está dando por baleirar a casa de mobles e tarecos vellos ou por facer pequenas chapuzas domésticas que se foron adiando por falta de tempo. Agora o tempo sobra, e xa desde o comezo da crise sanitaria a Concellaría de Obras e Servizos detectou un repunte na cantidade de restos que se depositaban na rúa os mércores e xoves, días fixados para a recollida de voluminosos.
 
Trala suspensión do servizo, a área responsable da limpeza segue atopando ao pé dos colectores obxectos que non deberían estar alí, unha porque o Concello xa avisou de que non se poden tirar e, outra, porque moitos deles nin sequera entrarían na definición de voluminosos. E o problema replícase tanto na vía pública como en distintos puntos do territorio -boqueiras de camiños, silveiras, montes, etc.- onde aparecen amoreados entullos e materiais perigosos para o ambiente que a Concellaría de Obras e Servizos ten xa identificados.
 
A titular da área, Mar Piñeiro, describe unha situación que xa non é nova: "en Fene é bastante frecuente atopar veterdorios incontrolados que se están recollendo desde a área de Obras e Servizos. Hai persoas que aproveitan calquera día da semana para tirar na rúa todo aquelo que non serve.  Electrodomésticos, libros, váteres, maletas, lavadoras, sofás, cadeiras, entullos, plásticos, envases de todo tipo, incluídos algúns con contido de produtos químicos, que son altamente perigosos para o monte e demais lugares onde aparecen. A maioría déixanse á beira dos contedores verdes coma se fosen voluminosos cando non o son e, en casos extremos, cárganse no coche e vanse tirar a calquera lado sen reparar no dano que se lle pode estar causando ao ambiente e á paisaxe", comenta a concelleira.
 
Para reducir ao mínimo o problema -e máis aínda nas actuais circunstancias- desde o Concello vólvese recordar  que durante o Estado de Alarma os voluminosos non se recollen, posto que é preciso dedicar os recursos humanos e técnicos dispoñibles a outras tarefas máis urxentes.
 
Ademais, tamén se quere aproveitar este parón forzado polas circunstancias para facer un borrón e conta nova, co obxectivo de que cando se restableza a normalidade todas e todos usemos o servizo con responsabilidade. Para írmonos concienciando lémbrannos que materiais se consideran voluminosos e cales non:
 
NON SON VOLUMINOSOS, e polo tanto non se poden deixar na rúa nin tirarse en ningún outro lugar, incluídos os colectores verdes e amarelos: os pneumáticos usados, os restos de produtos químicos ou de pintura, os restos de construción, o aceite, as pilas, as baterías, o fibrocemento (as uralitas), entre outros.
 
SON VOLUMINOSOS: os mobles vellos -cadeiras, sofás, armarios, mesas, etc.-, colchóns e somieres, electrodomésticos de liña branca -lavadoras, lavalouzas, frigoríficos, etc.-, televisores e outros aparatos eléctricos.
 
Cómpre lembrar, ademais, que cando mercamos un electrodoméstico, quen nolo vende ten a obriga de recollernos o vello sen custes -tamén as tendas en liña- e mesmo hai establecementos que ofrecen a recollida a domicilio totalmente gratis. Tanto no caso de aparellos que aínda funcionen -ou que precisen pouca reparación- como no de mobiliario nun estado aceptable, debemos pensar antes en que, se cadra, podemos regalarllo a algún familiar que o precise, vendelo nalgunha plataforma ou incluso contactar con organizacións sociais que se dediquen á venda de artigos de segunda man para financiar as súas actividades.
 
En calquera caso, tan pronto se levanten as restricións sanitarias e se recupere a normalidade, o Concello volverá poñer en marcha o servizo de recollida de voluminosos, aínda que será obrigatorio contactar antes co departamento de Obras e Servizos para concertar a recollida. En ningún caso se poderán deixar na rúa estes resíduos, como estivo ocorrendo até agora.
Ligazóns