O Concello de Fene amplía ata o 9 de xuño o prazo de presentación de instancias para as bolsa de emprego de peón

O Concello de Fene amplía ata o 9 de xuño o prazo de presentación de instancias para as bolsa de emprego de peón

A convocatoria quedara interrumpida pola suspensión de prazos do Estado de Alarma

A declaración do Estado de Alarma supuxo a suspensión dos prazos administrativos para distintos trámites e convocatorias, entre elas a que tiña en marcha o Concello de Fene para a creación dunha bolsa de contratación para peóns. Agora, coa reanudación dos prazos, o Concello volve reactivar o día 1 de xuño o cómputo de días para participar no proceso selectivo, e o amplía até o 9 de xuño. O formulario poderá presentarse a través da Sede Electrónica ou ben de maneira presencial, aínda que nese caso será obrigatorio solicitar cita previa a través dos teléfonos 981 061 034 ou 671 508 166, no correo citaprevia@fene.gal ou a través do sitio https://sede.fene.gal/opencms/gl/cita/. As persoas que xa teñan presentada a petición non terán que volver facer o trámite.

O proceso de conformación da lista de emprego publicouse o pasado 12 de marzo, tan só tres días antes da declaración do Estado de Alarma que deixou en suspenso a convocatoria por razóns preventivas e porque a propia declaración tamén supuxo a interrupción dos prazos administrativos.

Por este motivo, e de cara a garantir o funcionamento dos servizos esenciais, o Concello tamén publicou unha resolución prorrogando de maneira excepcional a vixencia da anterior lista de contratación, a do 2017, a través da que se incorporaron temporalmente tres peóns e un peón-tractorista.

Agora, coa reanudación dos prazos a partir do 1 de xuño -e tal e como xa informara no seu día o Concello- tamén se retoma o proceso selectivo para crear a nova bolsa de emprego, que estará en vigor até o 31 de decembro de 2024, podendo ser prorrogada durante un ano máis.

As instancias para participar no proceso selectivo poderán presentarse até o 9 de xuño, xa sexa a través da Sede Electrónica municipal ou ben de maneira presencial. Neste último caso será necesario solicitar cita previa en cumprimento dos protocolos de prevención de contaxios adoptados polo Concello. A cita hai que pedila por teléfono -981 061 034 / 671 508 166-, mandando unha mensaxe a citaprevia@fene.gal (importante indicar os datos de contacto) ou usando o apartado da sede electrónica https://sede.fene.gal/opencms/gl/cita/.

Importante: todas aquelas persoas que xa rexistrasen a súa solicitude por calquera medio válido desde o 14 de marzo non terán que volver presentala, posto que se considerará que o trámite está feito en prazo.

Ver bando alcaldía do 29 de maio de 2020, aquí 

Anuncios relativos a esta convocatoria,  aquí

 

Descargas