O alumnado de atención sociosanitaria do obradoiro de emprego Reinicia IX comeza as súas prácticas laborais
28-04-2023
As dez persoas que participan no curso de certificación da profesionalidade "Atención sociosanitaria a persoas dependentes en Institucións sociais" iniciarán o día 3 de maio as súas estadías prácticas nos centros de día de Ares, Caranza e Esteiro, na residencia de maiores de Caranza e no centro de día de Afal Ferrolterra. Durante os próximos catro meses terán a oportunidade de ver como é o traballo diario e, ao mesmo tempo, aplicar os coñecementos adquiridos na formación impartida dentro do obradoiro de emprego Reinicia IX, compartido polos concellos de Ares, Fene, Cabanas e Mugardos. No marco deste programa intermunicipal de mellora das competencias e da empregabilidade tamén están facendo prácticas desde abril as persoas inscritas na acción sobre traballos de carpintaría e moble.
Estas prácticas son posibles grazas aos convenios de colaboración asinados entre o Concello e o Consorcio Galego de I+B (para os centros de día de Ares, Caranza e Esteiro), así como o subscrito con Consellería de Política Social da Xunta (para a residencia de Caranza), e a asociación de AFAL Ferrolterra para a correspondente formación práctica no seu centro de día. Esta colaboración entre institucións permite ao alumnado ter unha experiencia práctica en contornas reais de traballo, complementando a formación teórica que recibiron na aula homologada do Centro de Formación Ocupacional situado en Franza.
Durante as prácticas, o alumnado poñerá en práctica os coñecementos adquiridos na aula, como o coidado da hixiene e o aseo das persoas dependentes e a súa contorna, a preparación da habitación dos mesmos, o mantemento da orde e as condicións hixiénicas, os cambios posturales, ou uso de axudas técnicas, entre outros aspectos relevantes na atención socio sanitaria.
Unha vez superada esta última fase, as alumnas e alumnos obterán o certificado de profesionalidade que acreditará os seus coñecementos, requisito mínimo para poder incorporarse a servizos asistenciais privados ou para concorrer a postos ou listas de contratación en Servizos de Axuda no Fogar e centros de titulariedade pública.
Ademais, as competencias adquiridas tamén abren a porta a iniciativas de autoemprego nun dos ámbitos con maiores oportunidades laborais, especialmente nunha comarca coma a nosa caracterizada polo progresivo envellecemento da poboación.