Si, se viñeches a Fene, has volver! Entre o que viches en por ti e o que lle escoitaches a amigos e amigas quedaches con ganas de vir de novo para coñecer a fondo ese concello que alguén denominou "ese pequeno gran descoñecido".
Moitas son as opcións que Fene che pode ofrecer, mais é preferible que as descubras por ti mesmo/a. Non obstante permítenos, a título orientativo, que che fagamos algunhas suxestións para pasar unha fin de semana en Fene.
Venres, comezar cun sorriso
Cómpre principiar con bo humor. Por iso nada mellor que achegarse á Casa da Cultura para visitar o único Museo do Humor de toda Galicia e un dos poucos deste xénero en toda a Península Ibérica. Nas súas salas nas que encontrarás orixinais da práctica totalidade dos humoristas gráficos e autores de cómic galegos contemporáneos: Siro, Xaquín Marín, Miguel Anxo Prado, Chichi Campos, Pepe Barro, Xan Carlos López Domínguez, Pepe Carreiro, Chinto&Pinto...
Entre os moitos fondos do Museo salientan as magníficas coleccións dedicadas aos humoristas gráficos do Estado (con obra de Mingote, Chumy-Chumez, Máximo, Forges, Serafín...) e do resto do mundo (René de la Nuez, M. Walker, Fontanarrosa....).
Á saída, dando un paseo polo parque Castelao chegas ao Monumento ao Pallaso, obra singular promovida polo Museo do Humor para homenaxear estes artistas do sorriso e da que é autor o ceramista fenense Francisco Xosé Pérez Porto.
Despois de repoñer forzas degustando a extraordinaria gastronomía local, camiñar polo Parque Lineal do Río Cádavo constitúe todo un pracer visual ademais dun hábito saudable. No paseo, repara na Casa do Concello, obra de Alberto Campo Baeza, e achégate até a Piscina Municipal de Centieiras, obra de Pachi Mangado, magníficas mostras da arquitectura civil do noso tempo.
Antes de marchar durmir, a ambas as beiras das principais estradas que cruzan o Concello encontrarás unha ampla e diversificada oferta hostaleira de terrazas e interior.
Sábado, entre muíños e castros
Desta volta a ruta vai de etnografía, cultura castrexa e impresionantes paraxes naturais. Comeza a xornada en Magalofes, no rehabilitado muíño do Redondo para facer o seguinte itinerario: Castro das Modias, Castro do Foxo, Couto do Rei, baixar até o salto da Fervenza do río Belelle, o máis espectacular da comarca, desde onde comezar unha viaxe á beira do río pasando pola ponte medieval de Sillobre e polos diferentes muíños da zona.
Á tardiña, podes desprazarse até a parroquia de Maniños, visitar o Parque Fluvial do Río Va e, seguindo os antigos carreiros, achegarse ata o xardín botánico da SCR O Pote de Maniños antes de rematar a xornada visitando o castro de Prismos e o parque da Ortiña, este último na parroquia de Limodre.
Domingo, a rota dos indianos
A emigración a América deixou unha importante pegada no concello a través das chamadas "escolas de emigrantes" (fundadas por sociedades de emigrantes como a Curros Enríquez, Concepción Arenal ou Fillos de Limodre); no impulso do asociacionismo e na arquitectura civil, con numerosas vivendas "indianas", concentradas maiormente nas parroquias de Maniños, Barallobre e Limodre. Entre elas salienta a Casa da Maleta (Barallobre), construída en 1921 por Adriano Antonio Fernández en Barallobre, que fixo unha estatua no cumio da casa en que se ve un home cunha maleta na man mirando para a boca da ría.
Se o tempo o permite, antes de marchar, é recomendable darse un baño nas praias da ría de Ares: Coído, Río Sandeu e Almieiras.
Non o esquezas! Antes de vir a Fene chama ao 981 340 366 para saber que actos culturais e deportivos vai haber na fin de semana que escollas para estar connosco.