A axencia de emprego e desenvolvemento local forma parte dunha infraestrutura impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coas entidades locais, a través dos programas de cooperación, como instrumento para contribuir na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no ámbito local.
O seu principal obxectivo é colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial e as súas funcións son:
- Asesoramento e apoio para a creación de empresas.
- Acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais.
- Difusión e estimulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre as persoas desempregadas, promotores e emprendedores, así como institucións colaboradoras, levando a cabo accións de sensibilización cara á promoción dunha maior conciencia empresarial como oportunidade de negocio.
- Información de axudas, subvencións e liñas de financiamento das distintas administracións.
- Calquera outra relacionada coa creación da actividade empresarial.