O baile inaugura este sábado a programación de Nadal

CONCELLERÍAS DE CULTURA, ENSINO, XUVENTUDE E DEPORTES

O baile inaugura este sábado a programación de Nadal

Á exhibición confirmaron a súa asistencia as Escolas municipais de baile moderno e de ximnasia rítmica de Fene, o Club Móvete de Mugardos, o CBD Narón, a Escola municipal de baile de Neda, a escola do Concello de Cabanas, os grupos Paso a Paso de Fene e Narón, as academias Fusion Dance e Boris Pico e a formación Salsa Nova. En total pasarán polo parqué do pavillón da Xunqueira 429 bailaríns e bailarinas -a maioría rapazada- para ofreceren as súas últimas montaxes coreográficas. A cifra supón unha marca de récord, xa que a gala solidaria supera en máis dun cento de participantes á do ano pasado.
A VI Exhibición de baile moderno e bailes de salón comezará ás 16.30 horas e prolongarase ata aproximadamente as 20.00 horas, momento no que todas as formacións desfilarán para o público e recibirán un diploma por ter participado no evento.
A entrada é de balde, pero pídeselle á xente que doe alimentos tales como arroces, cereais, pastas, lentellas, garavanzos, latas de conserva, cacaos, chocolates, leite en pó, galletas, turróns e calquera outro tipo de produto non perecedoiro ou cun longo periodo de caducidade. Todo o que se recolla entregaráselle despois a Cáritas, quen se encargará de facerllos chegar ás familias que os precisen.
Este non será o único evento solidario da programación do Nadal do Concello de Fene. De feito, o sábado 17 o pavillón da Xunqueira tamén acollerá durante a mañá -10.30 a 13.00h.- un torneo de minikatas de judo no que se recollerán alimentos e, ademais, xoguetes que estean en bo estado.
As propostas municipais para as próximas semanas inclúen máis dunha vintena de actividades entre exposicións, obras teatrais, actuacións musicais, torneos, exhibicións e a clásica San Silvestre que se celebrará na tarde do venres 30 de decembro e que ten aberta a inscrición ata o 27 deste mes a través de www.carreirasgalegas.com ou presencialmente no polideportivo da Xunqueira.
 
Inscrición en actividades
Todo o calendario de cultura e deportes pode consultarse na web municipal www.fenecidadan.gal e nos folletos editados polas concellarías de Cultura, Deportes e Ensino.  Cómpre ter en conta que dentro del hai varios obradoiros de xogos e deporte que requiren apuntarse antes. En concreto son catro: a actividade de defensa persoal que se desenvolverá no ximnasio da Casa da Cultura nas tardes do 26 ao 29 de decembro, o Campamento lúdico para peques -luns, mércores e venres do 23 de decembro ao 4 de xaneiro-, as sesións de Patinaxe para rapazada e persoas adultas -co mesmo horario que a anterior-  e o obradoiro multideportivo Xogamos, previsto para as mañás do 27 e 29 de decembro e para o 3 e 5 de xaneiro.
O prazo de inscrición permanecerá aberto do 12 ao 19 de decembro e para anotarse en calquera delas hai que pasar polas oficinas do Pavillón polideportivo municipal da Xunqueira, en San Valentín, en horario de mañá de luns a venres ou entre as 16.00 e as 19.00h. o mércores 14 de decembro. A única que non require inscrición anticipada será a actividade de Xogos acuáticos en familia que terá lugar na piscina de Centieiras do 22 de decembro ao 8 de xaneiro -luns, venres e domingos polas mañás-, aínda que si se recomenda chamar antes para reservar sitio.