O Apalpador adianta a súa chegada para visitar os colexios de Fene
12-12-2016
O mítico carboeiro da serra do Courel anda xa pola comarca para apalpar as barrigas dos nenos e nenas, desexarlles un ano venturoso e, se cadra, deixarlles unha presada de castañas ou algún agasallo. O Apalpador -tamén coñecido como Pandigueiro nas terras de Trives- vén este ano con tempo dabondo para visitar todas as casas e a súa primeira parada faraa o luns e mailo martes nos colexios de Fene. Con el estréase a programación cultural organizada polo Concello co gallo do Nadal, que prevé exposicións, música, teatro, contos e maxia para todas as idades pero cun indiscutible protagonismo infantil.
Pucha, frauta, peitoque, barba e pelo roxo, chaleque, bufanda de lá, pantalón de pana cunha amarralla por cinto, zurrón, zocos ou zapatillas de andar pola casa... Se vedes un home corpulento con estas características é el, o Apalpador, un ser máxico da tradición galega do Nadal que pouco a pouco lle vai recuperando o terreo perdido ao Papá Noël, anque non lle sexa tarefa doada.
Como espírito máxico que é, o Apalpador precisa de alguén que o encarne. E, no caso de Fene, será Anxo Moure. Chegará ás escolas acompañado do cabaliño de madeira Caramulo, o xinete das árbores, e convidará ás nenas e aos nenos a que se apalpen eles mesmos a barriguiña cantando "Apalpa barrigas son, apalpo a barriga coa miña man e traio castañas asadas, ás nenas e nenos que comen san". A partir de aí comezará unha viaxe cunha mensaxe ambiental, de preservación do patimonio inmaterial e tamén relacionada coa solidariedade e cos hábitos de vida saudables.
A axenda do Apalpador é ben apretada. Na mañá de hoxe luns estará ás 10.30h. no CPI A Xunqueira, ás 12.00h. no colexio de Centieiras, e ás 13.00h. na Jorge Juan. Ao día seguinte, o martes, o Apalpador e Caramulo achegaranse ata o CEI de Sillobre -10.30h.-, ao CEIP Os Casais a iso das 12.00h. e ás 13.15h. estarán xa no CEIP plurilingüe O Ramo.
Esta visita encádrase na programación do Nadal do Concello de Fene e con ela comeza o apartado cultural, cunha ducia de propostas de todo tipo para toda a familia. A seguinte actividade, o XVI Festival de panxoliñas, desenvolverase o sábado 17 a partir das 20.00h. no local do CCRD de Perlío coa participación de sete formacións locais convocadas pola Rondalla Perla do Río.