O Judo e as panxoliñas protagonizan este sábado a programación de Nadal do Concello de Fene
16-12-2016
O Concello de Fene continúa coa súa programación cultural e deportiva co gallo das festas do Nadal. Este sábado os lugares de referenza serán o pavillón da Xunqueira e o local da CCRD de Perlío. No primeiro sitio desenvolverase ao longo da mañá o XI Trofeo de minikatas de Judo no que participarán máis de 300 deportistas de toda a volta e, xa pola tarde -20.00h.- a rondalla Perla do Río será a anfitrioa do XVI Festival de panxoliñas Concello de Fene, no que estará acompañada doutras cinco formacións locais para repasaren os clásicos tradicionais destas datas.
No encontro musical participarán o Tradicoro Airiños de Fene, a rondalla Estrelecer, a propia Perla do Río e as masas corais Agarimo de Sillobre, o Pote de Maniños, Eterna Xuventude de Fene e a de San Valentín.
Cada unha delas interpretará tres panxoliñas, entre as que se poderán escoitar pezas tan coñecidas como “Tamborilero”, “Vinde ver o neno”, “Campanas de Navidad”, “Noite de amor” e así ata xuntaren un repertorio de 21 clásicos en galego e castelán.
O evento é con entrada gratuíta e está promovido pola Concellaría de Cultura como xeito de poñer en valor a longa tradición que existe en Fene arredor da música coral. Da organización encárgase Perla do Río, que lle toma o relevo a outra formación da parroquia, a coral Eterna Xuventude, anfitrioa en 2015 deste festival que cada ano se celebra na sede dunha formación do municipio.
Máis programación
Os eventos organizados para este sábado métennos de cheo nunha programación que a partir da próxima semana ofrecerá alternativas culturais e deportivas practicamente todos os días. Así, o luns teremos na Casa da Cultura -17.00h.- o festival de Nadal das escolas municipais de música; o martes a ilusionista Fani Triana ofrecerá no mesmo lugar ás 18.00h. o espectáculo “Fantasía” e o mércores a Biblioteca pública municipal acollerá ás 18.00h. o espectáculo infantil “Iriña Bailarina” da compañía Ghazafelhos.
O xoves 22 de decembro pola mañá -12.00h.- chegarán á biblioteca os “Nanocontos” de Raquel Queizás para bebés de 0 a 3 anos e a partir das 20.30h. a igrexa parroquial de Limodre será escenario dun concerto de Nadal ofrecido polo Tradicoro Airiños de Fene.
Cómpre lembrar, ademais, que desde o 21 de decembro estará aberta na Casa da Cultura a exposición fotográfica “Objetivo Ferrol 2.0” do Grupo Bazán e que o Museo do Humor ampliará o seu horario nestas datas.
No deportivo destaca a III Exhibición de ximnasia artística do Nadal do venres 23 no pavillón do Ramo -17.00h.- e o arranque ese mesmo día tanto do Campamento lúdico para peques como da actividade de patinaxe para rapazada e persoas adultas, ambas no pavillón da Xunqueira ata o 4 de xaneiro. Canda elas tamén comezarán na piscina de Centieiras o 22 de decembro os Xogos acuáticos en familia.
O prazo de inscrición nestas últimas actividades -agás a de xogos acuáticos- permanecerá aberto ata o 19 de decembro e para anotarse en calquera delas hai que pasar polas oficinas do Pavillón polideportivo municipal da Xunqueira, en San Valentín, en horario de mañá de luns a venres.