Novas

08-04-2026

Aberto o prazo de inscrición para a xornada sobre mobilización e coidado das persoas dependentes que se celebrará o 23 de abril

Tralo éxito da sesión celebrada o pasado mes de marzo, a Concellería de Deportes de Fene e Aspaneps organizan unha nova xornada informativa, no marco do programa artellado ao redor do Día Mundial da Actividade Física. A cita será o xoves 23 de abril, de 16.30 a 20.00, na Casa da Cultura. Nesta ocasión abordarase o tema da Mobilización e coidados das persoas dependentes, centrándose o encontro en: dotar de habilidades aos coidadores de persoas maiores en mobilización, cambios posturais, hixiene postural, técnicas de mobilización, prevención de caídas e habelencias e coñecementos necesarios para coidar aos dependentes. O número de prazas é limitado e para asistir cómpre anotarse previamente a través da páxina web municipal www.fene.gal, Concellería de Deportes de Fene Tfno. 981 340 366 ou da sección de formación do Sergas

Sensibilizar á poboación sobre a importancia de practicar actividade física de xeito regular para mellorar a saúde e adquirir bos hábitos de vida, é o principal obxectivo do Día Mundial da Actividade Física que se conmemora cada 6 de abril por iniciativa da Organización Mundial da Saúde. O Concello de Fene xunto coa asociación Aspaneps vén de sumarse este ano á conmemoración con distintas actividades gratuítas entre as que salientan unha andaina inclusiva o día 12 de abril, reparto de trípticos informativos, unha exposición que rotará polas asociacións do concello e instalacións municipais e xornadas informativas impartidas polo Servizo Galego de Saúde.
06-04-2026

O Concello de Fene conmemora o Día Mundial da Actividade Física cun amplo programa baixo o lema “Máis movemento, máis vida”

O Concello de Fene conmemora este 6 de abril o Día Mundial da Actividade Física, baixo o lema “Máis movemento, máis vida”, cun programa de actividades orientado a fomentar hábitos saudábeis e promover a actividade física entre a veciñanza. A alcaldesa, Sandra Permuy, e a concelleira de deportes, Alba García, deron conta hoxe das distintas accións previstas no marco desta iniciativa, organizada en colaboración con ASPANEPS Fene.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “esta programación busca fomentar hábitos de vida saudábeis e promover a actividade física como elemento clave para o benestar da veciñanza”, subliñando a importancia de implicar tanto ás administracións como ao tecido social e educativo nesta tarefa.
Pola súa banda, a concelleira de deportes, Alba García, puxo en valor “a diversidade de actividades propostas, pensadas para diferentes idades e perfís, co obxectivo de achegar a actividade física ao conxunto da cidadanía e facilitar a súa incorporación ao día a día”.
20-03-2026

O baile toma San Valentín esta fin de semana

Ao redor de mil trescentos bailaríns competirán entre o sábado e o domingo no pavillón da Xunqueira na Liga Xunta de Galicia de Hip Hop “Galician Dance Tour Fene” e no XIII Trofeo de Baile deportivo - Concello de Fene.
O sábado 21 de marzo desenvolverase en San Valentín a Liga Xunta de Galicia de Hip Hop: Galician Dance Tour Fene. Nesta competición inscribíronse 700 participantes, distribuídos en 13 categorías diferentes.
O domingo 22 de marzo terá lugar o "XIII Trofeo de Baile deportivo - Concello de Fene", que nesta edición será tamén sede do "Circuito Ibérico ICO 2026" (Competición conxunta de España e Portugal) e no que participarán 600 bailaríns e bailarinas nas categorías de bailes caribeños, danza coreográfica, standard, single e latinos.
04-03-2026

Máis movemento, máis vida!

Sensibilizar á poboación sobre a importancia de practicar actividade física de xeito regular para mellorar a saúde e adquirir bos hábitos de vida, é o principal obxectivo do Día Mundial da Actividade Física que se conmemora cada 6 de abril por iniciativa da Organización Mundial da Saúde. O Concello de Fene xunto coa asociación Aspaneps súmanse este ano á conmemoración con distintas actividades gratuítas entre as que salientan unha andaina inclusiva o día 12 de abril, reparto de trípticos informativos, unha exposición que rotará polas asociacións do concello e instalacións municipais e dúas xornadas informativas (os días 26 de marzo e 23 de abril) impartidas polo Servizo Galego de Saúde.
26-12-2025

San Silvestre Concello de Fene 2025

A proba terá lugar este sábado, 27 de decembro, a partir das 17:00 horas con saída/meta situada diante do Pavillón da Xunqueira (na Avenida do Mar de San Valentín. Os/as participantes poderán retirar o dorsal – chip hoxe venres no Pavillón da Xunqueira (San Valentín) en horario de mañá, de 10:00 a 13:00 h , e de tarde, de 18.00 a 20.00 horas.
Tamén se poderán recoller mañá sábado no Pavillón da Xunqueira de 10.00 a 13.00 e de 15.30 a 16.30 h.
Participarán corredores/as inscritos nas categorías: Biberóns (ano de nacemento 2021), Pitufos (2020), Sub 8 (2018-19), Sub 10 (2016-17), Sub 12 (2014-15), Sub 14 (2012-13), Sub 16 (2010- 11), Sub 18 (2008-09), Absoluta (2007 e anteriores) e Andaina (todas as idades).
02-12-2025

Un Nadal deportivo en Fene

Un ano máis, a Concellería de Deportes organiza para o Nadal unha serie de propostas de entretemento relacionadas coa actividade física compartida en familia. A primeira das actividades incluídas no programa é un bautismo solidario de mergullo, que organiza o Club de Actividades Subacuáticas Nautilus coa colaboración do Concello. A maiores, anúnciase un novo Campanadal, clases de patinaxe para persoas adultas e menores, xogos acuáticos en familia e unha nova edición da carreira San Silvestre.
24-11-2025

Fene homenaxeará o sábado 29 de novembro aos mellores deportistas da tempada 2024-2025

Reunir ás persoas e entidades do deporte fenés ao redor dun día de festa no que salientar o labor de quen contribúen a desenvolver e ampliar a práctica deportiva no noso Concello” é o principal obxectivo do evento que a Concellería de Deportes de Fene está a organizar para este sábado, 29 de novembro, ás 20 horas, no pavillón da Xunqueira de San Valentín. Nesta V Gala do Deporte están convocados ao redor de 130 deportistas de Fene ou de clubs de Fene que salientan, en palabras da concelleira de Deportes, Alba García, polo seu “esforzo, dedicación, entrega e, en definitiva, polos valores que transmiten a través do deporte”. As persoas que queiran asistir ao acto e arroupar aos nosos deportistas poderán facelo porque a entrada será libre e gratuíta.
21-11-2025

Fene acolle este sábado o 21º Slalom Scratch, que bate récord histórico de participación con 94 equipos

O Concello de Fene acolleu este xoves a presentación da 21ª edición do Slalom Scratch, unha das citas máis destacadas do calendario galego do automobilismo, que este ano fará historia ao reunir 94 equipos participantes, a cifra máis alta rexistrada nunca no Campionato Galego de Slalom. A proba celebrarase este sábado, no circuíto urbano de San Valentín, nunha xornada que promete emoción, velocidade grande ambiente.
11-11-2025

O II Memorial José Ardá de xadrez celebrarase este domingo no local social da AVV de Limodre

A Concellería de Deportes de Fene, a AVV de Limodre e a Asociación Felicia, organizan para esta fin de semana o II Memorial José Ardá, coa colaboración da Escola de Xadrez da Galicia Norte e da Escola Ferrolá de Xadrez.
O encontro terá lugar o domingo no local social veciñal, atendendo ao seguinte cronograma: inscricións ás 10.30. primeira sesión ás 11.00, segunda ás 11.45, terceira ás 12.30, cuarta ás 16.00, quinta ás 16.45, sexta ás 17.30 e sétima ás 18.00 Haberá premios para os tres primeiros clasificados das categorías senior, veterán (+60), sub18, sub16, sub14, sub 12 e sub10. O primeiro premio en cada categoría ascenderá a 50€, o segundo a 40€ e o 3º a 30€.
10-11-2025

A Volta á Ría - Memorial Adolfo Ros disputarase o 14 de decembro

Volve, un ano máis, a proba de atletismo de referencia na comarca de Ferrolterra “Volta á Ría-Memorial Adolfo Ros”. O Concello de Neda será o encargado da organización nesta 39 edición, en colaboración cos veciños municipios de Fene, Ferrol e Narón. Dende hoxe e durante un mes estará aberto, a través da web www.carreirasgalegas.com, o prazo de inscrición na media maratón. O obxectivo, revalidar a excelente acollida das últimas entregas.