Novas

24-11-2025

Fene homenaxeará o sábado 29 de novembro aos mellores deportistas da tempada 2024-2025

Reunir ás persoas e entidades do deporte fenés ao redor dun día de festa no que salientar o labor de quen contribúen a desenvolver e ampliar a práctica deportiva no noso Concello” é o principal obxectivo do evento que a Concellería de Deportes de Fene está a organizar para este sábado, 29 de novembro, ás 20 horas, no pavillón da Xunqueira de San Valentín. Nesta V Gala do Deporte están convocados ao redor de 130 deportistas de Fene ou de clubs de Fene que salientan, en palabras da concelleira de Deportes, Alba García, polo seu “esforzo, dedicación, entrega e, en definitiva, polos valores que transmiten a través do deporte”. As persoas que queiran asistir ao acto e arroupar aos nosos deportistas poderán facelo porque a entrada será libre e gratuíta.
21-11-2025

Fene acolle este sábado o 21º Slalom Scratch, que bate récord histórico de participación con 94 equipos

O Concello de Fene acolleu este xoves a presentación da 21ª edición do Slalom Scratch, unha das citas máis destacadas do calendario galego do automobilismo, que este ano fará historia ao reunir 94 equipos participantes, a cifra máis alta rexistrada nunca no Campionato Galego de Slalom. A proba celebrarase este sábado, no circuíto urbano de San Valentín, nunha xornada que promete emoción, velocidade grande ambiente.
11-11-2025

O II Memorial José Ardá de xadrez celebrarase este domingo no local social da AVV de Limodre

A Concellería de Deportes de Fene, a AVV de Limodre e a Asociación Felicia, organizan para esta fin de semana o II Memorial José Ardá, coa colaboración da Escola de Xadrez da Galicia Norte e da Escola Ferrolá de Xadrez.
O encontro terá lugar o domingo no local social veciñal, atendendo ao seguinte cronograma: inscricións ás 10.30. primeira sesión ás 11.00, segunda ás 11.45, terceira ás 12.30, cuarta ás 16.00, quinta ás 16.45, sexta ás 17.30 e sétima ás 18.00 Haberá premios para os tres primeiros clasificados das categorías senior, veterán (+60), sub18, sub16, sub14, sub 12 e sub10. O primeiro premio en cada categoría ascenderá a 50€, o segundo a 40€ e o 3º a 30€.
10-11-2025

A Volta á Ría - Memorial Adolfo Ros disputarase o 14 de decembro

Volve, un ano máis, a proba de atletismo de referencia na comarca de Ferrolterra “Volta á Ría-Memorial Adolfo Ros”. O Concello de Neda será o encargado da organización nesta 39 edición, en colaboración cos veciños municipios de Fene, Ferrol e Narón. Dende hoxe e durante un mes estará aberto, a través da web www.carreirasgalegas.com, o prazo de inscrición na media maratón. O obxectivo, revalidar a excelente acollida das últimas entregas.
21-10-2025

Aberto o prazo de presentación de candidaturas para a V Gala do Deporte do Concello de Fene

O Concello de Fene vén de facer públicas as bases que rexerán a organización dunha nova edición da Gala do Deporte, evento co que se pretende “reunir ás persoas e entidades do deporte fenés ao redor dun día de festa no que salientar o labor de quen contribúen a desenvolver e ampliar a práctica deportiva no noso Concello”. Recoñécese, deste xeito, o seu traballo e traxectorias deportivas relevantes no ano ou tempada 2024/5. Poderán optar tanto as persoas físicas, clubs deportivos como as entidades do municipio que cumpran os requisitos establecidos en cada unha das categorías.
A Concellería de Deportes habilitou a dirección de correo electrónico deportes.fene@gmail.com para o envío de información (até as 23.59 horas do 9 de novembro de 2025), resolución de dúbidas e consultas referentes ao evento que terá lugar o sábado 29 de novembro, ás 20 horas, no pavillón da Xunqueira de San Valentín. Os nomes dos premiados daranse a coñecer publicamente na páxina web do Concello.
29-09-2025

Horario tempada 2025/2026

A Concellería de Deportes publica os horarios de adestramento  do pavillón polideportivo da Xunqueira en San Valentín e do Ramo durante toda a tempada 2025/2026.

Os equipos, asociacións deportivas e particulares poderán solicitar as horas que queden libres.
27-08-2025

O luns 1 de setembro a piscina municipal e o Pavillón Municipal A Xunqueira abren as súas portas

Nesta liña, durante o mes de setembro, os horarios de apertura ao público nas instalacións deportivas serán:
PISCINA MUNICIPAL DE CENTEIRAS
De luns a venres horario de apertura de 17:00 a 22:00 h.
Sábados de 17:00 a 20:00 h.
Domingos instalación pechada.
Durante este mes no horario de apertura estarán dispoñibles as seis rúas e o ximnasio de musculación para uso libre.
PAVILLÓN MUNICIPAL A XUNQUEIRA
De luns a venres, para os adestramentos de pretempada, de 18:00 a 22:00 h.
25-08-2025

As citas para apuntarse nas escolas deportivas e culturais municipais comezarán a darse o 9 de setembro

A Concellaría de Deportes e Cultura informan dos prazos de inscricións nas escolas municipais de Fene. Isto é, o prazo de matrícula presencial estará aberto do 12 ao 18 de setembro e será obrigatorio pedir cita previa para facer o trámite, que se centralizará no pavillón da Xunqueira. As citas poderán solicitarse a partir do 9 de setembro, chamando ao 981 492 804 ou ao 607 626 812.

Para solicitar CITA PREVIA para realizar a inscrición temos que ter en conta os seguintes prazos:

Residentes e escolarizados/as en Fene: Días 9 e 10 de de setembro de 9:00 a 14:00 horas
Poboación en xeral: Do 11 de setembro. De 9:00 a 14:00 horas
A cita solicitarase nos teléfonos: 981 492 804 / 607 626 812

O calendario de inscricións nas distintas disciplinas será do 12 ao 18 de setembro. A inscrición realizarase o día e á hora asignado con anterioridade.
04-08-2025

Presentando o II Trofeo de Fútbol Concello de Fene, que se disputará este sábado no campo da SD Barallobre

O campo da SD Barallobre acollerá este sábado 9 de agosto a segunda edición do Trofeo de Fútbol Concello de Fene, un triangular amigable no que participarán os tres equipos de referencia do concello: Cultural Maniños SD, CCRD Perlío e SD Barallobre. O evento comezará ás 18.30 horas e contará con entrada libre para todas as persoas asistentes.
Na presentación oficial, que tivo lugar no Salón de Plenos municipal, participaron os representantes dos tres clubs: Alfredo Fernández (Maniños), José Augusto Borreiros (Perlío) e Víctor Domínguez (Barallobre), acompañados pola alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e a concelleira de Deportes, Alba García.
O formato do trofeo será en tres encontros curtos, que se disputarán ás 18.30, 19.30 e 20.30 horas. Os premios consisten en vales para material deportivo: 700 euros para o primeiro clasificado, 500 euros para o segundo e 300 euros para o terceiro.
12-07-2025

Os clubs de Fene poderán solicitar a partir do luns horas de adestramento de pretempada e tempada 2025-26 nas instalacións deportivas municipais

A Concellería de Deportes de Fene abre o vindeiro luns, 14 de xullo, o prazo de solicitude de horas de adestramento para a pretempada no campo de Fútbol dos Pinares e no pavillón polideportivo da Xunqueira, así como para a tempada 2025/2026 no campo dos Pinares e nos pavillóns da Xunqueira e O Ramo.
Cómpre que os clubs remitan nas datas que se indican na normativa, a relación de horas que soliciten de cada instalación para a pretempada e para a tempada 2025 -2026. Deberán cubrir, nos cadros que se xuntan, as horas que interesen, e especificar o equipo (deporte e categoría) que vai utilizar cada hora.